Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / CELEBRADA A XVI MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL DE PARDIÑAS

CELEBRADA A XVI MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL DE PARDIÑAS

AGG

A pasada fin de semana celebrouse en Pardiñas (Guitiriz) o Festival de Pardiñas e a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que este ano cumpriu a súa XVI edición. Un ano máis a Mostra, guiada pola comisións de artesáns da AGG, contou coa asistencia de numeroso público, que desfrutou visitando os postos dos 20 artesans, e asistindo ás actuacións e obradoiros organizados.

A Mostra comezou cun fermoso pregón de Miro Casabella, compositor e cantautor destacado da chamada nova canción galega. Posteriormente, Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira impartiron un interesante obradorio de regueifas, ao que seguiu a actuación de Tanto nos Ten, un dos grupos revelación da música tradicional galega.

Durante a xornada do domingo 2 de agosto, Oli Xiráldez e Pablo Díaz conduciron, respectivamente, obradoiros de treboada e baile tradicional. Pola tarde, a música chegou a través dos Tres Estralos (formación de cordas guitarra, zanfona e arpa acompañada por voces e percusión tradicional) que ofreceu versións do repertorio popular galego.

A gran cantidade de asistentes e o alto grado de interese e participación que mostraron pola Mostra anímanos a seguir traballando no achegamento ao público da cultura tradicional.