XVI MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL DE PARDIÑAS
Luns, 27 Xullo 2009 14:17
Os días 1 e 2 de Agosto celebraranse en Pardiñas (Guitiriz) o Festival de Pardiñas e a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que este ano cumpre a súa XVI edición. Un ano máis a Mostra, guiada pola comisións de artesáns da AGG, contará coa presenza de 20 artesáns, ademais de actuacións e obradoiros que mostrar a nosa forte aposta pola música e o baile tradicional.O programa desta nova edición conta cun pregoeiro de excepción: Miro Casabella, compositor e cantautor destacado da chamada nova canción galega, que formou parte do colectivo Voces Ceibes, para logo continuar a súa carreira artística en solitario.
O sábado 1 de agosto contarase cun dos grupos revelación da música tradicional galega, Tanto Nos Ten, que actuará no escenario do espazo da Mostra. Previamente, os asistentes terán ocasión de participar no Obradoiro de Regueifas a cargo de Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira.
Durante a xornada do domingo 2 de agosto haberá actividades dende a mañá, co son dos bombos do Obradoiro de Treboada, conducido por Oli Xiráldez, e co Obradoiro de Baile Tradicional, dirixido por Pablo Díaz. Pola tarde, a música chegará a través dos Tres Estralos (formación de cordas guitarra, zanfona e arpa acompañada por voces e percusión tradicional) que ofrecerán versións do repertorio popular galego.
As actividades previstas para enriquecer a exposición están enfocadas para que sexan totalmente participativas, polo que haberá un escenario dispoñible durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar e aqueles artesáns que desexen falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.
Ademais de ser a primeira mostra organizada en todo o Estado, a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, é a que máis anos leva facéndose ininterrompidamente, chegando a ser hoxe en día referencia de luthiers e músicos tradicionais, non so de Galicia, senón de toda a Península, pois tamén ten grande repercusión en Portugal.