ESPAZO DE CULTURA TRADICIONAL DA AGG NO FESTIGAL
Martes, 21 Xullo 2009 12:28
Por segundo ano consecutivo, a Asociación de Gaiteiros Galegos participa na coordinación do espazo de cultura tradiciona do Festigal os días 24 e 25 de xullo. Un espazo baixo carpa que acollerá mostras, actuacións e obradoiros relacionados coa música, o baile e outras manifestacións culturais tradicionais.O espazo de cultura tradicional (que estará aberto o día 24 de 11:30 a 21:00 h. e o día 25 de 15:00 a 21:00 h.) incluirá mostras de instrumentos, traxes e xoguetes tradicionais galegos, ademáis dun posto informativo e de venda da Asociación de Gaiteiros Galegos.
Os Miñotos, o día 24, e Armadanzas, o día 25, axudarán a animar, coa súa música, as horas do o xantar e da sobremesa. Ademáis, a carpa da Asociación de Gaiteiros Galegos contará cun concerto participativo a cargo do Grupo de Zanfonas da Tradescola de Lugo o día 24 ás 20:00 h., e cunha actuación do Grupo de Baile Tradicional Infantil Armadanzas o día 25 ás 20:00 h.
A proposta cultural da AGG no Festigal non remata aquí; no espazo de cultura tradicional poderase asistir a interesantes obradoiros: obradoiro de treboada (venres e Sábado ás 16:00 h.), de xoguetes tradicionais e construción de enredos musicais (venres e sábado de 17:00 a 19:00 h.) e iniciación ao baile tradicional (o domingo a partir das das 18:30 h.).
O Festigal (músicas, cultura, tendencias e diversidade) son dous días de actividades de balde, con máis de 30 carpas para todos os públicos e programación continua dende o día 24 ás 12:00h. Ademais, conta con zona de acampada e postos para xantar e cear.
Páxina Web do Festigal