Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / A AGG PRESENTOU ANTE OS MEDIOS O LIBRO O BERCE DAS PALLETAS

A AGG PRESENTOU ANTE OS MEDIOS O LIBRO O BERCE DAS PALLETAS

AGG

O día 22 de xuño ás 12:00 h, no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, celebrouse a rolda de prensa de presentación ante os medios do libro “O Berce das Palletas”, editado pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Xosé Castro Ratón, concelleiro de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa, foi o primeiro en tomar a palabra para salientar a labor en prol da cultura tradicional galega que desenvolve a Asociación de Gaiteiros Galegos e facer un breve repaso da prolífica traxectoria artística e profesional de Xoán Ramón Marín, moi relacionada co concello de Vilagarcía, do que é veciño. Dende o seu traballo na música tradicional nos grupos Xaramugo ou Pallamallada, pasando pola súa labor como etnógrafo coas publicacións dos estudos “Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa” e “As varandas de ferro dos corredores e balcóns do Ribeiro”, ambos con Clodio González Pérez, ou a súa colaboración como debuxante no Museo do Pobo Galego. Xoán Ramón Marín, autor do traballo e membro da Xunta Directiva da AGG, explicou os contidos do libro, un manual sobre a construción de palletas e pallóns para gaita galega, que el mesmo escribiu e ilustrou baseándose principalmente nos coñecementos adquiridos a través do xa finado palleteiro Herme, e tamén de outros artesáns e publicacións sobre a materia.

Por outra banda, está prevista a presentación do traballo ao público o xoves 25 de Xuño ás 19:00 h no Auditorio da e-Trad (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo), situado no número 5 da Rúa García Barbón, en Vigo, e o venres 26 de Xuño ás 20:30 no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. En ambos actos haberá exemplares do libro á venda e contarase coa presenza do autor e representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos, para falar do traballo e contestar ás preguntas dos asistentes.