Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Gran afluencia de público nas Xornadas de Baile Tradicional da AGG

Gran afluencia de público nas Xornadas de Baile Tradicional da AGG

Varios

O pasado sábado 9 de Marzo leváronse a cabo as Primeiras Xornadas de Baile Tradicional organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos cunha gran afluencia de público. O Centro Sociocultural do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, acolleu as actividades programadas para este evento, ao que asistiron máis de setenta persoas, que recibiron, ademais dunha conferencia sobre interesantes aspectos do baile tradicional galego, clases prácticas sobre a preparación do corpo para unha sesión de baile (quecemento e estiramentos), a muiñeira, a xota e o baile agarrado. Tras rematar as Xornadas, celebrouse no mesmo local un serán, que se alargou ata altas horas da noite, no que os asistentes fixeron gala do aprendido ao longo do día, con música en directo do grupo santiagués Brincadeira.
A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza estas Xornadas sobre o Baile Tradicional Galego coa intención de integrar esta disciplina na programación da AGG, e así cubrir a demanda existente por parte dos nosos asociados e asociadas, e un gran público interesado neste aspecto da cultura. A boa acollida que recibiu esta primeira edición das Xornadas anímanos a seguir traballando en prol da cultura tradicional galega.