Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / V Edición de Encontro coa Zanfona Contemporánea

V Edición de Encontro coa Zanfona Contemporánea

Varios

O Encontro coa Zanfona Contemporánea que se celebra cada ano en Narón chega a súa V edición. Terá lugar entre o 13 e o 15 de marzal en diferentes puntos deste concello e reunirá a interesados por este instrumento milenario que está a rexurdir con moita forza nos últimos anos en toda Europa e baixo diferentes estilos e apreciacións.

En anos anteriores, estiveron presentes no Encontro os mellores representantes europeos deste instrumento: Valentin Clastrier, Gilles Chabenat, Marc Egea ou os galegos Anxo Lois Pintos e Óscar Fernández.
O mestre invitado no 2009 é Grégory Jolivet, un novo valor do centro de Francia cunha longa experiencia nos escenarios. Compartirá escenario nos concertos do venres no Auditorio de Narón con Xarnege, un colectivo transfonterizo de bascos e gascóns.

Ademais haberá actuacións do dúo Sobre Rodas -Carlos do Viso e Luis Caruncho- na feira do 13 en Sedes e farán concertos artístico-didácticos para escolares do concello.
Na parte máis teórica do Encontro, estarán o investigador Xulio García Bilbao e Luciano Pérez do obradoiro musical e arquivo documental Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación de Lugo, herdeiro do pioneiro obradoiro que fundou Faustino Santalices quen recuperou este instrumento en Galicia hai xa máis de cincuenta anos.

As xornadas de convivencia -curso, conferencia, palco aberto- terán lugar en Aldea Nova na parroquia de Sedes.