Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / TRADESCOLA - Monográfico sobre os Cantos de Nadal

TRADESCOLA - Monográfico sobre os Cantos de Nadal

AGG




A TRADESCOLA, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que recentemente abriu as súas portas en Lugo, dedica o seu primeiro monográfico sobre música tradicional aos Cantos de Nadal. Esta xornada terá lugar a mañá do sábado 20 de Decembro no salón de actos do Centro Residencial Xuvenil Lug II, (Rúa Pintor Corredoira Nº 4 – Lugo) a partires das 11.00 h.

Os Cantares de Nadal, Cantares de Aninovo e os Cantares de Reis, foron a desculpa perfecta para faceren unha noite de alegría, de acompañamento, de ilusión, para moitos dos galegos e galegas que tiveron a súa vida no rural. Para realizar esta xornada, na que se amosarán os distintos cantares e tradicións do Nadal en Galiza, contaremos coa presenza de Mini e Mero, que estarán acompañados polo gaiteiro Raúl Galego.

Xosé Luis Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio son os nomes de pía de Mini e Mero, lucenses da Terra Chá, dabondo coñecidos no eido da música galega. Son mestres no rural, cofundadores de “Fuxan os Ventos”, fundadores de “A Quenlla”, musicólogos, intérpretes, autores de libros como “Contos de Vellos para nenos”, “Somos Lenda Viva”, etc. Ademais diso atoparon tempo para a recolla de música tradicional e da sabedoría popular da xente do rural. Ou como din eles “Non só para recollela, coidala e conservala, senón tamén para transmitila, espallala e devolvérllela ao pobo”. Levan máis de 15 anos colaborando co gaiteiro Raúl Galego en actuacións co grupo A Quenlla, conferencias, exposicións e obradoiros.