Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Cultur.gal 08

Cultur.gal 08

Varios

O Cultur.gal 08, Feira Galega das Industrias Culturais, terá lugar en Palexco, A Coruña, do xoves 4 ao domingo 7 de decembro. Esta é a súa segunda edición (o ano pasado celebrouse en Pontevedra) mais esta é a primeira vez que conta cunha ampla representación dos sectores produtivos da cultura galega: literatura, audiovisual, artes escénicas, música e novas tecnoloxías. De entre todos eles, a música vai ter unha destacada presenza. Non só haberá stands de empresas musicais, senón que haberá 15 showcases que ofrecerán as últimas novidades da música galega e un espectáculo musical, o "Music.gal" que constitúe un dos pratos fortes da Feira, ademais dun CD promocional da música galega que se distribuirá por todo o país na campaña de Nadal.

O Cultur.gal acollerá tamén as II Xornadas da Industria Musical Galega. Unhas xornadas que dan continuidade ás que se celebraran o ano pasado no Auditorio de Galiza. Daquela o público asistente ratificara nas enquisas de opinión a necesidade unánime deste tipo de encontros que lle permitan ao sector manterse ao día ao tempo que se interrelacionan e debaten. A organización desta segunda edición correu a cargo das asociacións do sector, AGEM e AGAPHONO e, ademais de conferencias e mesas redondas, ofrecerán a posibilidade de participar nun par de "meeting points" para interaccionar directamente cos conferenciantes das xornadas.

O prazo para a inscrición nas xornadas (de entrada gratuíta mais previa inscrición) remata o próximo domingo día 30.


Información e inscrición na seguinte ligazón: http://www.culturgal.com/actividade.php?id_a=10