PRESENTACIÓN DA TRADESCOLA
Xoves, 06 Novembro 2008 09:18
A Asociación de Gaiteiros Galegos encargarase de xestionar a Tradescola, que contará coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude - dependente da Vicepresidencia da Xunta de Galicia- e a Área de Cultura da DeputaciónO xoves día 6 de Novembro ás 12:00 da mañá terá lugar a presentación da TRADESCOLA. O acto de presentación terá lugar no Complexo Residencial Xuvenil Lug I (Rúa Pintor Corredoira Nº 2 ), e estarán presentes o Direitor Xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, a Delegada da Consellería de Vicepresidencia en Lugo, Branca Rodríguez Pazos, e o Secretario da Asociación de Gaiteiros Galegos, Xoan Manuel Tubío Fernández.
A TRADESCOLA é un novo proxecto educativo no eido da música e baile tradicionais. Este centro de ensino estará xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos e ofrecerá docencia especializada, cunha proposta educativa estruturada que lle permitirá ao alumnado adquirir unha formación integral na música e no baile tradicional. As aulas que se van a impartir son as seguintes: gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación.