Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / IX Memorial Ricardo Portela

IX Memorial Ricardo Portela

AGG

O sábado 12 e domingo 13 de Xullo, celébrase en Pontevedra, na praza da Verdura, o IX MEMORIAL RICARDO PORTELA. Durante os dous días poderase visitar nese mesmo lugar a mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais.

O sábado 12 de xullo, terá lugar o concurso do Memorial, no que poderán participar agrupacións de música tradicional galega no formato de cuarteto, quinteto ou sexteto. Os importes dos premios en metálico para a presente edición serán: 1º-1500 euros; 2º- 900 euros; 3º- 600 euros. Ademais hai dous premios especiais: O “Ricardo Portela” de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio de Don Ricardo e un premio “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para o IX Memorial. As inscricións haberán de formalizarse no rexistro do concello de Pontevedra en persoa, por carta ou FAX (986 862 590). É convinte confirmar a inscrición chamando ao rexistro no Tfno. 986 804 300.
O Domingo 13, a partir das 20h, celebrarase o Festival de Música Tradicional coa actuación de Os Campantes da Baña e Vaamonde, Lamas & Romero.

PROGRAMA:

MOSTRA DE ARTESÁNS DE INSTRUMENTOS TRADICIONAIS
SÁBADO 12 E DOMINGO 13
De 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 h.
Praza da Verdura

VENRES 11 DE XULLO
21:00 | Teatro Principal
Gala presentación do disco “Foliada nas Rías Baixas: homenaxe a Ricardo Portela, o mestre”.

SÁBADO 12 DE XULLO
12:00 | Saída Praza de Curros Enríquez - Pasarrúas dos grupos inscritos no concurso.
20:00 | Praza da Verdura - Actuación dos grupos finalistas, resolución dos premios e actuación especial de Kevin Carr

DOMINGO 13 DE XULLO
20:00 | Praza da Verdura - Festival de Música Tradicional:
• Os Campantes da Baña
• Vaamonde, Lamas & Romero

Bases do Concurso
BASES

1. O concurso celebrarase en Pontevedra o sábado 12 de xullo, en dúas fases: unha eliminatoria pola
mañá e unha final polo serán.
2. Poderán participar nel agrupacións musicais tradicionais galegas no formato de cuarteto,
quinteto ou sexteto. Os cuartetos e quintetos comporanse, cando menos, dos seguintes
instrumentos: dúas gaitas, un tamboril e un bombo. No caso de ser quinteto, o quinto
instrumentista poderá, ben utilizar unha terceira gaita, ben formar parte da percusión con calquera
instrumento deste tipo dos considerados tradicionais galegos: pandeiro, pandeireta, ferriños,
cunchas, etc, ou ben utilizar instrumentos que teñan sido empregados por agrupacións deste
estilo no pasado: requinta, requinto, clarinete, etc. Os sextetos admitiranse unicamente con esta
configuración: dúas gaitas, dúas requintas, tambor e bombo.
3. Todos os instrumentos han ser de formato e feitura tradicional quedando expresamente excluídas
as percusións de alta tensión e as gaitas denominadas marciais.
4. Os membros dos grupos vestirán obrigatoriamente o traxe tradicional galego.
5. Estabelecerase unha única categoría con tres premios en metálico e a posibilidade de
contratación dos finalistas polo Concello de Pontevedra para as dianas, alboradas e outras
actuacións das festas da Peregrina dese mesmo ano. Os grupos premiados terán preferencia para
a contratación, estando obrigados, salvo causa de forza maior, a acudir cos mesmos membros que
concursaron.
6. Os importes dos premios en metálico para a presente edición serán:
1º- 1500 euros; 2º- 900 euros; 3º- 600 euros
7. Estabelecerase un premio especial “Ricardo Portela” de 600 euros para a mellor interpretación
dunha peza do repertorio de don Ricardo, entendendo como tal aquel que estea gravado en cinta
ou disco polo mestre pontevedrés. Este premio é compatíbel con calquera dos outros en metálico e
tamén poderá recaer sobre calquera dos finalistas non premiados.
8. Estabelecerase un premio especial “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada
especialmente para o IX Memorial, á mellor interpretación dunha peza en toque pechado. Este
premio é compatíbel con calquera dos outros en metálico e tamén poderá recaer sobre calquera
dos finalistas non premiados.
9. Calquera dos premios pode quedar deserto se o xurado así o estima.
10. O xurado será nomeado polo Concello de Pontevedra tendo en conta que polo menos a metade
dos seus membros estean vencellados co mundo da gaita. A tarefa deste xurado será a de cualificar
os grupos na fase eliminatoria, clasificando un máximo de oito para a fase final. Nesta fase terán
que escoller os que, ao seu xuízo, sexan os merecedores dos premios que se ofrecen; así como
cualificar, por orde da súa preferencia, os restantes. Esta última clasificación non se fará pública
aínda que estará ao dispor de quen a solicite. Tamén poderá o xurado descualificar calquera grupo
que incumpra algunha das bases deste concurso. O veredito e outras decisións do xurado serán
inapelábeis.
11. A fase eliminatoria celebrarase sobre un percorrido polas rúas e prazas da cidade polo que os
grupos deberán tocar, a xeito de dianas e alboradas, distintas pezas galegas ben tradicionais ou
de autor. Para os efectos de non solapárense, darase a saída a un grupo cada 5 ou 10 minutos. Os
membros do xurado, que estarán situados en distintos puntos do percorrido polos que os grupos
pasarán tocando, cualificarán deste xeito os grupos na súa actuación natural. O fallo do xurado
darase a coñecer durante unha comida de irmandade de todos os grupos que será sufragada polo
Concello de Pontevedra, sorteándose a continuación a orde de saída dos finalistas.
12. A fase final celebrarase polo serán nun escenario montado nunha das prazas do centro histórico.
Os grupos clasificados deberán interpretar dúas pezas galegas (tradicionais ou de autor) por un
espacio de tempo máximo de 8 minutos. O xurado valorará a calidade interpretativa, a afinación, a
dificultade e idoneidade das pezas elixidas así como a presenza e enxebreza de cada un dos grupos
finalistas.
13. A inscrición deberá de formalizarse no rexistro do Concello de Pontevedra, ben en persoa, ben
por correo; facendo constar o nome do grupo, número de compoñentes e o nome, enderezo e
teléfono da persoa de contacto; así como un pequeno currículo do grupo. A orde de actuación na
fase eliminatoria será inversa á de inscrición (o primeiro inscrito será o último en saír).
14. O prazo para a inscrición remata o día 8 de xullo.
15. No caso de superaren o número de inscricións os 25 grupos, terase en conta a orde de entrada
no rexistro municipal; e só se considerarán inscritos no concurso os 25 primeiros.
16. A mera inscrición supón a total aceptación das bases.
17. O xurado terá a potestade para dirimir ao seu bo criterio calquera cuestión non recollida nas
presentes bases, así como a interpretación das mesmas en caso de dúbida.