Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / SEMENTEIRA EN VALGA

SEMENTEIRA EN VALGA

Varios

O próximo mércores 30 de abril, a partires das 11h da mañá, organizado polo departamento de Cultura do concello de Valga en colaboración coa Asociación da Terceira Idade Axentiva e os colexio de Primaria Xesús Ferro Couselo, celébrase a Sementeira na finca “O Pradiño” situada no lugar de Loncras, Ferreirós – Cordeiro (Valga).

Levarase a cabo todo o proceso de elaboración do pan: SEMENTEIRA, COLLEITA, MALLA, VERUTO, MOENDA, AMASADO, ROMERÍA NA CANDIEIRA e EXPOSICIÓN tentando reflexar fielmente a realidade. Para iso cóntase con membros da asociación Axentiva (os maiores) que son os que viviron toda esta tradición e están moi ilusionados con poder aportar o seu coñecemento para esta experiencia.
Todos os participantes irán ataviados con roupas da época e usaran os apeiros de labranza antigos. Un grupo de pandereteiras intervirán en cada actividade, situándose na entrada da leira.

Na sementeira usaran arado de pau e vacas, dividindo a leira en dúas partes. Nun lado sementarán os maiores e noutro os nen@s cos seus mestres. Para a colleita usaranse fouciños e carro de vacas para levar a palla ata o colexio “Xesús Ferro Couselo”. Alí deixarase uns días para despois levar a cabo a malla que se fará cos manles, en grupos de cinco persoas. Según se remate a malla, irase facendo o palleiro e separando os grans do trigo que quedarán a secar uns días. Verutarase nas peneiras e levarase ao muíño de auga. Unha vez traída a fariña voltarase verutar. Nos colexios, maiores e pequenos amasarán, e faranse bólas pequenas de pan que cada neno levará para a súa casa.
Como remate final celébrase unha romería na Candieira (toxeira rodeada de piñeiros). Faranse empanadas, rapotes, biscoitos e roscas co trigo sementado. Cantarase e bailarase ó son das nosas pandereteiras.
Péchase a actividade cunha exposición final no Auditorio de Cordeiro, onde con medios audiovisuais e fotográficos faremos un percorrido por todo o proceso ó mesmo tempo que mostraremos os apeiros utilizados.