Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Prensa / ENTREVISTA A XOSÉ LUIS MIGUÉLEZ

ENTREVISTA A XOSÉ LUIS MIGUÉLEZ

Prensa

Aquí tedes a entrevista que Emilio Españadero lle fixo a Xosé Luis Miguélez con motivo da publicación do seu novo traballo discográfico, "Esperanza". Foi publicada no "Correo Gallego" o 03/02/08.

"Falamos con Xosé Luis Miguélez da súa andaina musical, desde as primeiras clases sendo moi neno ata lograr esa titulación superior, e da grande importancia do obxectivo por fin acadado.

E.E. - As primeiras clases de gaita ¿cando e de quen as recibiches?

X.M. - Os meus pais leváronme a clases de gaita cando tiña seis anos nunha das primeiras escolas que houbo en Galicia, a “Escola de Gaitas da Deputación de Ourense”. Lembro que o primeiro día non parei de chorar porque non quería ir pero despois de escoitar as gaitas o que non quería era voltar para casa. O meu primeiro mestre foi Manolo Brañas e aínda continúo a ter unha moi boa relación con él, débolle moito. Cando tiña 11 anos levóume ao Festival Intercéltico de Lorient en Francia, era o músico máis xoven de todo o festival e a xente parábame pola rúa para sacarse fotos comigo.

E.E - E o teu primeiro instrumento ¿cando o tiveches?

Pois cando levaba uns meses indo a clases o meu pai mercoume unha, debeu ser no ano 1980 ou 1981, non me lembro moi ben. Era unha gaita de pau santo afinada en Do e feita por Manolo Brañas, que tamén é construtor. Non a conservo enteira pero si algunha peza solta.

E.E - Cóntanos como foi todo o proceso para chegar, desde ese inicial interese pola gaita a converterte no primeiro Titulado Superior no instrumento.

X.M. - No ano 1990 gañei un importante concurso para gaiteiros solistas e foi aí cando comecei a pensar en adicarme profesionalmente á música no futuro; así que me interesei polos estudos oficiais que, por aquel entón, so se impartían en Vigo. O mestre daquela era Carlos Núñez e falei con el para facer os exames dos catro cursos que existían no plan de estudos do 66. Facilitoume moito as cousas e fixen os exames por libre acadando o “Diploma en Gaita Galega”, que foi o primeiro título recoñecido do instrumento. Despois diso tiven que continuar os meus estudos musicais coa frauta traveseira xa que a gaita non tiña máis graos recoñecidos. A finais dos 90, coa incorporación da Loxse, por fin se instaurou o grao profesional; remateino en 2001 no “Conservatorio Mayeusis de Vigo” co mestre Ernesto Campos, un grande compositor para o instrumento e moi bo amigo, que me acolleu cos brazos abertos e que me ensinou moitísima música. Un ano despois comezou o grao superior en música tradicional galega no “Conservatorio Superior de Música de Vigo”, presenteime ás probas de acceso e conseguín unha praza; catro anos máis tarde, en novembro de 2006, fixen o concerto de fin de carreira e, por fin, se completaron todos os ciclos de ensino de música tradicional en Galicia.

Continuación da entrevista E.E - O teu camiño persoal ata conseguir ser titulado superior ¿foi moi duro?

X.M. - Foi bastante longo e duro non soamente para min, senón tamén para todos os que estudabamos música tradicional, xa que era moi frustrante non poder continuar a nosa carreira como facían os das outras especialidades.

E.E - Á hora de escoller o repertorio para o teu concerto de fin de carreira ¿cales eran os teus obxectivos?

X.M. - Foi unha gran responsabilidade e unha das partes máis dificultosas, xa que pretendín tocar todos os paus e amosar as posibilidades musicais do instrumento. Para conseguilo púxenme en contacto con diversos compositores, dos que me gusta o seu traballo, e pedinlles directamente que fixeran obras para o concerto. O resultado foi máis que satisfactorio, ou iso penso eu.

E.E. - Preséntanos entón ese repertorio que escolliches e aos músicos que te acompañaron na interpretación desas pezas que se publican agora en disco..

X.M. - Unha das partes máis importantes do concerto foi unha obra para gaita e piano, en tres movementos, que se titula Luces do Atlántico e que é unha composición de Ernesto Campos; é unha obra fermosísima e tiven a honra de estreala cun dos mellores pianistas de Galicia, o Coruñes Pablo Diago. Tamén quería amosar un repertorio máis contemporáneo para gaita e para iso falei con Paulo González e David Bellas.
Paulo é un dos mellores músicos que coñezo, toca a gaita, a zanfona e a frauta de bisel como ninguén, e ademáis diso escribe cun estilo propio e unha linguaxe que me encanta, da súa autoría son Apaixoada, unha peza para dúas gaitas, á que eu fixen un arranxo para tres e que toquei co grupo “Anacos de Buxo”, e Arreguiço, un trio para vibráfono, zanfona e gaita que interpretei con el e Lucía Martínez no vibráfono, os tres estudamos música na “Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo” de Oporto e temos unha moi boa relación.
David Bellas fixo unha peza que titulou Dúo De Gaitas Para O Primeiro Concerto De Fin De Carreira e que tocou comigo, David é un gran gaiteiro ao igual que os outros que participaron no concerto, Pedro Álvarez, Xurxo Fernández e Rafa Crespo, que son xa unha realidade na gaita galega pese a súa xuventude.
O resto do repertorio é de corte máis tradicional. Blanca O Negra de Ricardo Courtier, director da Banda de música de Ourense a comezos do seculo XX, e a Ribeirana De Ventosela que era do repertorio de Xan Míguez, gaiteiro de Ventosela. A esta última compúxenlle unha introdución a xeito de alalá que titulei Image.

E.E. - A importancia de contar coa posibilidade de acadar esa titulación ¿Que importancia ten para a música do noso país e, máis concretamente, para o que é o noso instrumento máis representativo?

X.M. - É moi importante porque pon a música tradicional galega ao mesmo nivel educativo que o resto das músicas, creo que a dignifica e a valora enormemente. Tamén abre a posibilidade de que moitos músicos que se dedican profesionalmente á música tradicional poidan acadar unha titulación que os avale no seu traballo.

E.E. - Obter esta titulación ¿que saídas profesionais ofrece?

X.M. - Pois ao ser unha titulación superior, ao mesmo nivel que unha licenciatura, dache a posibilidade de impartir aulas en centros de ensino medio e superior: Escolas de Música, Conservatorios, Institutos, etc. Ademáis diso fórmate tamén a nivel de investigación dentro da “etnomusicoloxía” ou/e a interprétación.

E.E. - ¿Cantos gaiteiros están a seguir os teus pasos na actualidade?

X.M. - Pois hoxe en día hai unha ducia de gaiteiros cursando estudos na especialidade. Ademáis, xa temos a primeira muller titulada, Lorena Feixeiro de Vigo, unha gran gaiteira.

E.E. - No que se refire ao futuro da gaita galega ¿es optimista?

X.M. - Moito, creo que está a atravesar un dos mellores momentos na súa historia, moita xente a traballar en serio e moitas menos disputas e polémicas inútiles. O nivel dos novos gaiteiros é excelente."