Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / IV Encontro Internacional de Pandeiros de Mao

IV Encontro Internacional de Pandeiros de Mao

Varios

A Asociación Folque do Conservatorio de Música Tradicional de Lalín en Pontevedra organiza durante os vindeiros 20 e 21 de outubro o IV encontro Internacional de Pandeiros de Mao.

Haberá neste encontro representación do pandeiro cadrado de Pontevedra, con Maruxa das Cortellas considerada unha virtuosa popular deste instrumento. Desde Portugal, pais que conservou con maior vixencia a tradición dos adufes introducíndoo en espectáculos contemporáneos, contarase coa presencia de Paulo Meirinhos, un bo coñecedor da percusión popular portuguesa que compartirá espazo con Davide Salvado, xoven cantador e músico renovador na pandeireta galega. E para rematar, un cantor do Norte galego, Xabier Díaz presentando o seu novo disco “Coplas para Icia”.


Máis Información e Programa Os tambores de mao, entre os que se inclúen algúns dos máis importantes instrumentos populares galegos, é dicir, a pandeireta e o pandeiro son coñecidos desde a Antigüidade en culturas como a persa, a exípcia, a china ou a india. Desde a Idade Media adquiren protagonismo nas culturas ibéricas destacándose en Galiza como uns dos principais instrumentos para acompañamento de cantos e bailes. Levado por galegos,portugueses e españois a América introdúcese tamén nas músicas populares do Brasil, Cuba ou México.

A coñecida como “pandeireta galega” conta cunha técnica de execución única no contexto internacional, é destacada tanto pola cantidade de recursos interpretativos como polo valor patrimonial das músicas que acompaña. A vixencia da música popular galega de transmisión oral ate os nosos días convértea nunha das manifestacións máis relevantes da cultura popular europea.

A mostra internacional de pandeireta de Pontevedra evolucionou desde as súas primeiras edicións e foi mostrando exemplos da tradición viva e personalidades destacadas con técnicas tradicionais e contemporáneas, entre eles Xavier Leturia (Euskadi), Carlos Rizzo (Italia), Eliseo Parra (Castela).

Esta nova edición ademais de continuar coa programación reservada á pandeireta galega amplía definitivamente o seu interese polos tambores de mao considerando o adufe (pandeiro cadrado) e a pandeira (pandeiro redondo) no conxunto dos pandeiros de mao do mundo.

Programación

Sábado 20.
22,00h. Serán urbano na Praza da Verdura.
As tanxedoiras do pandeiro
Maruxa das Cortellas
Pandereteiras da Hermida
… escenario aberto para quen queira tocar.


Domingo 21.
11h-14h. Aula aberta de adufe con Paulo Meirinho (Portugal). Edificio do antigo Conservatorio.
17-18h. Concerto didáctico.Teatro Principal.
- O adufe en Portugal. Paulo Meirinho.
- A pandeireta e o pandeiro galegos. Davide Salvado.

20,30h. Concerto presentación do disco “Coplas para Icia” de Xabier Díaz. Teatro Principal.