Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Prensa / O ARTESÁN RUBÉN GONZÁLEZ RECIBE A GAITA DE OURO DO CONSTANTINO BELLÓN

O ARTESÁN RUBÉN GONZÁLEZ RECIBE A GAITA DE OURO DO CONSTANTINO BELLÓN

Prensa

Diario de Ferrol (Montse Mayoral, 29/08/07)

"A xunta directiva do Ateneo concedeu a Gaita de Ouro a Rubén González López polo seu traballo de artesán a prol da música tradicional galega e a de Prata ó grupo Cántigas da Terra, da Coruña, polo seu papel na divulgación da cultura galega dende o ano 1916.

Rubén González López (Xinzo de Limia, 1925) é un gaiteiro feito a si mesmo. Cunhas poucas clases e moitos anos mirando o que facían os demais, conseguiu coñecer o instrumento, convertelo en seu de verdade e mesmo mellorar o seu son, moito despois de compralo por tres pesos cando tiña quince anos. "Hoxe un gaiteiro faise fácil -comenta-, pero daquela non había profesores... alí onde había un gaiteiro estaba eu collendo datos".

Co tempo, Rubén González López converteuse en artesán ademais de músico. Fixéronse famosas as súas palletas -a lámina situada na embocadura da gaita-, que conqueriron mellorar o son, e percorreu gran parte da xeografía española e portuguesa con diferentes grupos, o último o chamado Os Agarimos, co que aínda onte foi tocar ás festas de Santa Lucía en A Cervela, un dos escasos compromisos que Rubén González mantén ós seus 82 anos, excelentemente levados. O seu fillo continúa a tradición como músico e como artesán, unha circunstancia que quizáis leva á nova Gaita de Ouro do Ateneo a ser optimista: "a gaita galega non decae, non se perde; aínda que estiveron metendo outro tipo de gaitas de fóra, que a min non me parece ben".

Rubén González fala con auténtico entusiasmo da música galega e da súa historia de gaiteiro, unha vocación que sempre tivo que conciliar co seu traballo de ferreiro. "Coñecín a Faustino Santalices e regaloume un libro da montaxe da gaita que para min é unha xoia", conta. "Onde hai un gaiteiro hai un amigo", resume a súa filosofía de vida.

O artesán, afincado desde hai máis de sesenta anos na localidade de Somoza, no Incio (Lugo), mostrouse moi agradecido e decidido a ir o venres 31 de Agosto a Ferrol, para recoller o premio que lle brinda o Ateneo Ferrolán."