Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / X Memorial Henrique Otero

X Memorial Henrique Otero

Varios

cartaz memorialho2024_webXa temos cartel da que será a décima edición do Memorial Henrique Otero, anota a data desta cita anual na que homenaxeamos a figura do Gaiteiro do Fragoso.

O vindeiro sábado 13 de Abril a partir das 19.30 horas terá lugar no auditorio Martín Codax do CSMV en Vigo unha nova edición do MEMORIAL HENRIQUE OTERO no que como cada ano soará unha escolla das obras do mestre, que nesta edición está adicada á xeografía na obra do mestre. Neste concerto-homenaxe organizado pola AGG, coa colaboración do CSMVigo e da Deputación de Pontevedra, participarán A Seneira (Baiona), a Asociación Folclórica Breogán De Moaña, a Banda de gaitas e percusión da ETRADVIGO, Contiños da Feira (A Coruña), Grupo de gaitas “Cans de Palleiro” S.C.D.R. Helios Bembrive, Narmores, Noitarega, Os Carunchos, Os Terribles De Donas, Raigames, Ruada (Torroso-Mos), Sons do Abrente de Mos e Traspés.

Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como el mesmo quería que o lembrasen, foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca. Foi un dos mellores expoñentes da tradición gai­tística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.

Son moitos os méritos que habería que recoñecerlle a este gran gaiteiro, pero sen dúbida, o que maior pegada deixou para o futuro foi o de conseguir que foran recoñecidos, por primeira vez na his­toria, os estudos oficiais de gaita ga­lega polo MEC no ano 1977.

Dende a Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas gustaríamos contar coa túa presencia neste Memorial, lembra que a entrada é de balde ata completar aforo.

Esperámoste o vindeiro día 13 de Abril !