Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A AGG organiza o vindeiro sábado 20 un novo encontro coa "Tradición en Feminino"

A AGG organiza o vindeiro sábado 20 un novo encontro coa "Tradición en Feminino"

Varios

tradfeminino cartel2021_web0A Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) organiza o vindeiro sábado 20 de Novembro no Auditorio da Baña, unha nova edición do Encontro “Tradición en Feminino”, unha xornada subvencionada pola Deputación de A Coruña que busca visibilizar e reivindicar o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural.

Para iniciar a xornadas contaremos co relatorio-obradoiro “Foliada na fábrica: as latas de conserva de peixe na música das traballadoras dunha conserveira galega” no que Marilú Campos fará unha breve introdución sobre a situación da muller na industria conserveira galega. Da súa man coñeceremos tamén o traballo de campo a partir do cal reconstruímos o uso das latas de conserva de peixe como instrumentos acompañantes do canto e do baile nas foliadas das traballadoras das fábricas. E a continuación pasaremos a experimentar coas posibilidades sonoras, musicais e artísticas destes instrumentos.

De seguido poderemos asistir ao coloquio “Propostas para a promoción da muller na docencia e interpretación da música tradicional” no que da man de Marina F. Vigo, conversaremos con Marilú Campos, Sara Diz e Carme López.

Xa pola tarde, a xornada continuará co relatorio “A presenza das mulleres nas gravacións da música tradicional galega” da man de Sara Diz, que a través da musicoloxía feminista, falaranos da presenza das mulleres gaiteiras e das mulleres en xeral nas gravacións da música galega. Fará unha análise dos datos obtidos, pasando polos por ques, que factores sociolóxicos e musicolóxicos inflúen nos resultados e de que maneira se van transformando no tempo eses datos.

O peche do encontro correrá a cargo de Carme López e o relatorio “REPENSANDO A TRADICIÓN: Análise dos roles de xénero na música de tradición oral”, no que expoñerá unha serie de feitos concretos relacionados coa música de tradición oral que presentan claras diferenzas no seu desenvolvemento por parte de homes e mulleres. Tratará de identificar, polo tanto, unha realidade que conta con dous eixos diferenciados en canto aos xéneros e conectala con hipóteses que nos aporten un sustento teórico sobre esta cuestión. O obxecto de interese desta charla enfocarase na música de tradición oral e maioritariamente tomando como base informacións encadradas no s. XX, aínda que tamén relacionará certos aspectos con feitos actuais. A ponencia basearase por unha banda na investigación bibliográfica en relación á tradición galega e á perspectiva de xénero e, por outro lado, beberá das experiencias de compiladoras de música de tradición oral recollidas nunha serie de entrevistas. Sendo o obxectivo expoñer unha serie de teorías sobre a existencia e permanencia de roles de xénero en relación á música galega e ofrecer un espazo de debate e comunicación co público.

PROGRAMA:

10.45 – Apertura
11.00 – Relatorio-obradoiro “Foliada na fábrica: as latas de conserva de peixe na música das traballadoras dunha conserveira galega”. Marilú Campos
11.50 Quenda de preguntas
12.00 – Descanso
12.30 – Coloquio “Propostas para a promoción da muller na docencia e interpretación da música tradicional”. Con Marilú Campos, Sara Diz, Carme López. Moderada por Marina F. Vigo

13.30 – Descanso para xantar

16.30 – Relatorio “A presenza das mulleres nas gravacións da música tradicional galega”. Sara Diz
17.20 Quenda de preguntas
17.30 – Descanso
18.00 – Relatorio “REPENSANDO A TRADICIÓN: Análise dos roles de xénero na música de tradición oral”. Carme López
18.50 Quenda de preguntas

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
(*) A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán para inscribirse ata o domingo día 14 de novembro.
A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.
Para poder chegar a mais público, as xornadas tamén serán retransmitidas en liña na nosa páxina de facebook https://www.facebook.com/aggtradiciongalega onde quedará ademais a publicación compartida unha vez remate o encontro.
Para máis información: Asociación de Gaiteiras Galegas - 986847074/982229966