Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro unha nova edición das xornadas de percusión tradicional

A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro unha nova edición das xornadas de percusión tradicional

Varios

cartaz x.percu2021A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro, en colaboración coa área de cultura da Deputación de A Coruña e coa participación do Concello de Mesía, unha nova edición das Xornadas de percusión tradicional, con obradoiros de trompa galega, pandeiro, tamboril e pandeireta.

O primeiro dos obradoiros “Re-percusión da Trompa Galega na nosa música”, a cargo de Francis Olivier, tentará achegar ós participantes a este máxico instrumento e facilitar dun xeito sinxelo, a técnica de percusión e recursos, en diferentes ritmos da nosa música. Descubrindo outra maneira de coñecer a potencialidade armónica que existe no interior da cavidade bucal, grazas a estes “ferriños que tocan”.

De seguido, teremos o obradoiro "'Pandeiro de catro esquinas non se toca cunha man': Introdución á técnica do pandeiro cadrado” a cargo de Noemi Basanta. Este curso procurará realizar un achegamento ao pandeiro cadrado desde diferentes perspectivas. Reflexionaremos sobre a morfoloxía e tipoloxía do instrumento, coa vontade de que os/as asistentes poidan valorar diferentes sonoridades. Alén diso, faremos un percorrido por diferentes ritmos e melodías, ofrecendo recursos técnicos que axuden a resolver posíbeis problemas. A finalidade última é fomentar a autonomía do alumnado e mellorar o seu xeito de tocar. Por ese motivo, as directrices estarán ao servizo do repertorio tradicional mais colocando en primeiro plano, por enriba das peculiaridades de cada zona ou informante, a destreza e a solvencia co instrumento.

Xa pola tarde, abriremos a sesión co “Obradoiro de tambor galego; ‘Técnicas e recursos para a creación de arranxos na música tradicional’” a cargo de Arantza Alfaia no que poderemos ver: _Breve exposición das características do tambor (morfoloxía, afinación e tensado, mantemento e coidados) e baquetas. _Mostra da representación escrita a través da linguaxe musical e/ou outros métodos (fórmulas rítmicas, silábicos…) _Os agarres. Movementos do pulso, utilización de dedos, antebrazo… _Breve mostra de exercicios para construír unha técnica; tipos de golpes e rudimentos. A importancia dos acentos e as dinámicas… Diferentes intensidades e sonoridades asociadas á melodía e ao contexto instrumental. _Padróns para os diferentes ritmos atendendo ás dinámicas e á acentuación e práctica a través de pezas concretas. _Outros padróns con rítmicas diversas para os diferentes ritmos e práctica a través de pezas concretas. _Outros arranxos para os padróns estudados: entradas, saídas, cortes, dinámicas, acentuacións... _Reflexións sobre o traballado.

E para pechar a xornada teremos o obradoiro “Muiñeiras do revés. Toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega” a cargo de Guillerme Inácio no que poderemos: _Realizar un achegamento ás variantes do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta, a través da análise de mostras recollidas da nosa tradición oral. _Practicar os diversos toques de muiñeira vella a man aberta que atopamos na nosa tradición, acompañando algúns cantares aprendidos directamente das nosas mestras das aldeas. Aprenderemos: _Toques base para a muiñeira: muiñeira nova VS muiñeira vella. _Muiñeira vella a man aberta: riscado e sen riscar; xeito ibérico e xeito galego. _Exemplos de pandeireteiras que empregan o toque de muiñeira vella a man aberta: parroquias da Ameixenda (Cee), Caldebarcos (Carnota), Carcasía (Padrón), Oín e Seira (Rois),Dimo (Catoira) e Prado de Paradiñas (Vilafranca do Bierzo), entre outras. _Repertorio vocal recollido de informantes dos lugares citados, acompañado do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta. 

A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG e asociacións do Concello de Mesía, que terán preferencia nas inscricións ata o domingo día 7 de novembro, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

PROGRAMA:

10.15 - Apertura

10.30 - Obradoiro I:“Re-percusión da Trompa Galega na nosa música”. Francis Olivier

12.00 – Descanso

12.30 - Obradoiro II: “Pandeiro de catro esquinas non se toca cunha man”: Introdución á técnica do pandeiro cadrado”. Noemi Basanta

14.00 – Parada para o xantar

16.00 - Obradoiro III: “Obradoiro de tambor galego; ‘Técnicas e recursos para a creación de arranxos na música tradicional’”. Arantza Alfaia

17.30 – Descanso

18.00 - Obradoiro IV: “Muiñeiras do revés. Toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega ”. Guillerme Inácio

LUGAR: Casa da Cultura de Xanceda - Mesía

DATA: Sábado 13 de novembro de 2021

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.