Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / O Comité de empresa da CRTVG, alerta do desmantelamento do Estudio 5 da Radio Galega

O Comité de empresa da CRTVG, alerta do desmantelamento do Estudio 5 da Radio Galega

Varios

crtvg desmantelamentCompartimos unha nota de prensa que nos achegan dende o Comité de empresa da CRTVG, no que alertan do desmantelamento do departamento da Radio Galega que "deu cobertura, desde a creación da emisora pública, a todas as músicas do país" e fan un chamamento ao mundo da cultura e á cidadanía a "reaxir fronte ao peche do Estudio 5, que supón o abandono definitivo da obriga que ten a radiotelevisión pública de atender, promocionar e divulgar as nosas músicas, que gozan ademais de boa saúde e grande apoio social". 

O Comité de Empresa da CRTVG alerta de que a dirección dos medios públicos está a piques de desmantelar o Departamento de Produción Propia da Radio Galega, un departamento que, desde a mesma creación da emisora no ano 1985, desenvolveu unha misión de servizo público valiosísima ao darlle cobertura a todas as músicas do país, chegando a acumular en horas e horas de gravación un arquivo sonoro de valor histórico e cultural incalculable.

Os traballadores que conforman este departamento, liderado polo recoñecido produtor de son Pablo Barreiro, fixeron nestas décadas rexistros sonoros que son alicerce fundamental para a historia da música galega, desde orquestras sinfónicas, bandas de música, grupos de rock, tradicionais, concertistas ou intérpretes, ata escolas municipais ou as máis humildes agrupacións. As unidades móbiles deste departamento e o excepcional equipamento técnico do Estudio 5 puxéronse ao servizo das nosas músicas para sacar adiante unha misión que, se ben non sempre contou co apoio das sucesivas direccións, conseguiu un alto recoñecemento externo, ben en forma de importantes galardóns, ben a través dalgúns dos índices de audiencia máis elevados na historia da Radio Galega.

A representación legal do persoal da CRTVG, que leva anos denunciando o desmantelamento dos medios públicos en xeral e a desatención ao sector cultural en particular (agravada coa contestada transfomación do “Diario Cultural” ou a ausencia na grella de programas especializados en música), considera un grave erro esta decisión e pídelle á Dirección que reflexione e dea marcha atrás. O comité de empresa entende que a posta en marcha dun estudio multimedia no lugar que agora ocupa o Estudio 5 - razón que esgrime a dirección para negar que finiquita o departamento- nada ten que ver con garantir a continuidade das funcións que viña desenvolvendo o icónico negociado que agora desaparece.

Ante esta grave e enésima mostra de desleixo por parte da CRTVG da función de servizo público que ten encomendada, o comité urxe ao sector cultural e á cidadanía no seu conxunto a reaxir fronte este novo ataque ao público e ás manifestacións culturais do país, chamando a emprender canta iniciativa se teña a ben para defender o que é de todos e todas. 

Dende a AGG compartimos que esta decisión é un grave erro e solicitamos a marcha atrás desta medida que pon fin a un servizo público valiosísimo que deu e da cobertura ás músicas do país, "chegando a acumular en horas e horas de gravación un arquivo sonoro de valor histórico e cultural incalculable".