O compositor Roxelio Groba será o protagonista do Recuncho da palleta deste domingo
Venres, 08 Xaneiro 2021 12:14
Este domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, conteremos con Xaime Estévez no que afondará na serie "Compositores da gaita", neste caso as pezas gravadas do gran compositor galego ROXELIO GROBA (Ponteareas 1930).
Non imos descubrir a compositor algún xa que falamos dun músico dos máis recoñecidos non noso país e cunha traxectoria inigualable tanto polo gran catálogo de obras de múltiples xéneros ( nomeadamente música coral, sinfónica de cámara ou mesmo ópera). O mestre Groba tivo un recuncho no seu talento compositivo para a música máis tradicional, colaborando dende os anos sesenta en certames como o concurso de gaitas de Ponteareas, situación que propiciou a creación de pezas icónicas como a muiñéira "A Freixa". No seu catálogo contamos ata dez temas para gaita galega dos que imos a escoitar a metade deles. Diversas agrupacións gravaron as súas pezas dende Irmáns Portela, Morenos de Lavadores, Raparigos,Emilio Corral, Xiada ou Os Campaneiros ata máis recentes como Zurrumalla.
Con este recuncho imos pois a facerlle unha pequena homenaxe a unha das máis grandes figuras da composición en Galicia de tódolos tempos que sempre tivo á música tradicional na súa pruma de compositor.
Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.