A Agrupación Folclórica e Cultural Breogán de Moaña celebra 4 décadas
Martes, 29 Decembro 2020 14:30
No ano que está próximo a entrar, a Agrupación Folclorica e Cultural Breogán de Moaña celebra as catro décadas dende a súa fundación traballando como asociación pola recuperación e transmisión do folclore en Moaña e en toda a bisbarra do Morrazo.
Para o inicio xa inminente do ano deste 40 aniversario, e dentro das dificultades do escenario do contacto social e cultural derivado da pandemia sanitaria, queren ofrecer unha posibilidade de achegamento ao seu traballo e á súa historia por parte dos seus seguidores e calqueroutra persoa interesada en xeral no folclore.
Por este motivo o pasado domingo 20 de decembro inauguraron o seu espazo público na internet baixo o dominio www.breoganweb.es
Recompilan e organizan moita información dispersa ata agora, tanto histórica como de actualidade, que adican a aspectos como os seus inicios, as actividades que desenvolven, aulas que imparten, os eventos que celebran, con especial atención sobre o Memorial Lola Diz – Henrique Otero, que xa vai pola súa 32 edición, rexistros discográficos, persoeiros relacionados co mundo do folclore e moi especialmente coa asociación, galerías de fotografías históricas, e varios outros que esperan sexan do interese do público en xeral e máis especialmente de todas as persoas interesadas no mundo folclórico e asociativo-cultural e veciñal.