Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / Centenario do nacemento de Ricardo Portela, O Gaiteiro de Viascón

Centenario do nacemento de Ricardo Portela, O Gaiteiro de Viascón

AGG

portada librorp_2ed_webTal día coma hoxe, 4 de novembro de 1920, estaba a nacer en Viascón (Pontevedra) o que sería un dos gaiteiros máis senlleiros da segunda metade do século XX. Un cento xusto de anos despois, está a punto de ver a luz, tamén en Viascón, na súa “Casa da Gaita”, a segunda edición da biografía de Ricardo Portela, escrita por José Luís Calle e actualizada por el mesmo para esta efeméride. Como non podía ser de outro xeito, a Asociación de Gaiteirxs Galegxs, da que Ricardo foi fundador e primeiro presidente, pon o seu grao de area coa edición deste volume para manter viva a esencia da súa filosofía como home e como gaiteiro.

De seguro que esta Asociación non sería o mesmo ou, mesmo, non existiría de non ter nacido Portela. Tampouco sería igual a música tradicional. Ricardo foi o primeiro en sacar á luz, da man tamén de J. L. Calle, músicas de vellos gaiteiros que durmían nos arquivos do Museo de Pontevedra. Músicas que, logo de pasar polas súas mans, polo seu filtro, empapáronse da súa esencia e saíron convertidas en pezas de arte, de culto, como adoita a dicirse hoxe.

Aquel 4 de novembro naceu un mestre, un guía, un líder e un exemplo a seguir para xeracións de gaiteiros e gaiteiras que hoxe tocan e senten a gaita ao xeito de Portela. Neste 4 de novembro de 2020, os que tivemos a sorte de coñecelo, de falar con el e de sentilo tocar, non podemos máis que felicitarnos da conxunción astral que permitiu o nacemento de tan insigne gaiteiro.

Sirvan, pois, estas liñas para lembrar o aniversario das dúas palabras verbo da gaita galega: Ricardo Portela.