Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A AGG renova a súa imaxe para evolucionar xunto cos tempos, mais co mesmo compromiso e paixón pola nosa tradición.

A AGG renova a súa imaxe para evolucionar xunto cos tempos, mais co mesmo compromiso e paixón pola nosa tradición.

Varios

novo logo agg peq 2A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s ven de presentar a súa nova identidade corporativa para evolucionarmos xunto cos tempos, mais co mesmo compromiso e paixón pola nosa tradición. Unha imaxe renovada, contemporanea, inclusiva, activa e dinámica, pero que mantén as referencias á orixe e  identidade da nosa asociación.

Dende a AGG levamos máis de trinta anos a traballar pola posta en valor e visibilización de todo o que ten que ver coa nosa música e baile de tradición oral. Un longo camiño que comezou centrado na dignificación da figura do “gaiteiro”, pero que co tempo asumiu un papel moito maior, realizando numerosas actividades como xornadas, congresos, obradoiros, memoriais e homenaxes, mostras de artesanía, edición de traballos discográficos, colaboracións semanais en radio, a xestión da Casa da Gaita de Viascón, a Tradescola de Lugo e acollendo a todas as persoas que traballan coa nosa música e baile tradicionais, as bailadoras, os artesáns, as tamborileiras, os pandeireteiros, as requinteiras, os zanfonistas, as tamborileiras, os acordeonistas, as bombeiras, os clarinetistas, as gaiteiras...

Hoxe séguenos parecendo importante non perder o vencello da Asociación coa súa propia xénese, con aquel 1989 en que un fato de músicos comprometidos co país decidiron que había que unirse para ser máis fortes, mais entendemos que o paso do tempo fai necesaria unha renovación estética que simbolice a vontade de seguir a ser unha ferramenta útil para todas as persoas que traballan coa nosa música e baile tradicionais a día de hoxe.

Con esta nova imaxe queremos anovar o noso compromiso con todo o sector da música e do baile tradicional, e achegarnos ás persoas que aínda a día de hoxe non nos coñezan. Unha imaxe fiel ás nosas cores, fortemente vencellada coa nosa identidade como país e dinámica mais con afán de permanencia.

Porque a AGG somos todos, somos todas as que cremos que este pais non sería o que é sen a súa tradición, sen a súa música nin o seu baile. A AGG é hoxe máis ca nunca, a asociación do baile e a música de tradición galega.  Con todos, con todas, estivo, está e estará a paixón da AGG.