Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Homenaxes, Premios, Recoñecementos, .... / Homenaxe a Erminda Miramontes

Homenaxe a Erminda Miramontes

Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

ermindaPandereteira e bailadora é natural de Ponte Grixoa, aldea que actualmente pertence ao Concello de Santiago, pero que con anterioridade pertencia ao desparecido concello de Enfesta.
Moi coñecida pola xente que se adica ao canto e ó baile tradicional, pola súa casa pasaron e pasan compiladores de tódolos lugares do noso país, porque inda a día de hoxe, ós seus 89 anos, segue recibindo no seu fogar, a todo aquel que se achegue a preguntarlle se sabe algunha melodía das de antes, das que se tocaban nas Foliadas de Grixoa. Esas que se facían os domingos, logo de toda a semana de duro traballo no campo, Foliadas, Polavilas, Seráns, xuntanzas onde cantar e bailar e grazas ás que chegaron a nós multitude de melodías e cantigas, que se mantiveron vivas na memoria de informantes como Erminda.
Foron moitas persoas ás que lle foron a recoller eses tesouros en forma de melodías e puntos que ela garda na súa memoria. Melodías que escoitou de nena e de moza, a seu pai, nas foliadas, no campo, pero tamén recorda, que algunhas as aprendeu duns canteiros que foron arranxar a igrexa de Grixoa que eran da Terra de Soutelo de Montes. Deles aprendeu unha das coplas mais coñecidas das que recorda, que interpretou xunto con Leilía no primeiro albúm do grupo.

Neste día que estaba destinado a facerlle un mais que merecido recoñecemento a Erminda, e que por motivos do confinamento polo coronavirus non pudemos levar a cabo, quixemos dalgún xeito agradecerlle igualmente a súa xenerosidade e facerlle chegar o agarimo que tantas persoas lle teñen, polo que falamos con algunhas delas para que lle fixeran un pequeno vídeo.
Velaquí a lista de reproducción con esas mensaxes de agarimo e agradecemento. https://www.youtube.com/playlist?list=PLtY6qbbjmn1ycavB1ZzY7cer52Ob9DBjQ