Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Homenaxes, Premios, Recoñecementos, .... / A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA A XXVI EDICIÓN DA MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL EN PARDIÑAS - GUITIRIZ

A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA A XXVI EDICIÓN DA MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL EN PARDIÑAS - GUITIRIZ

Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

cartaz - copia pqUn ano máis a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG), a través da comisión de artesáns, achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a "XXVI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional". Esta mostra, consagrada como a máis antiga e importante da Península Ibérica, é hoxe un referente indispensable da música tradicional galega. Un lugar de encontro onde tod@s @s amantes da nosa cultura poden gozar de dous días cheos de festa e ademais coñecer de preto o gran traballo de mais de 30 artesáns e artesás que nos traen unha amplísima variedade de instrumentos tradicionais como gaitas, requintas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas, violíns,...

Como nas pasadas edicións, na mostra non faltará ademais a música e o baile tradicional, que estarán presentes durante a fin de semana a través de actuacións en directo e obradoiros.     

Esta edición estará dedicada a Santiago Caneiro Aneiros, Presidente de Honra da AGG e Presidente da nosa asociación durante mais de dúas décadas; co seu traballo e a súa adicación loitou incansablemente pola nosa cultura tradicional, sempre con humildade e de xeito altruísta, e sempre a disposición do que fixera falta en calquera lugar do país. Santiago deixounos o pasado 15 de xullo, mais xa forma parte do noso imaxinario colectivo e dende a AGG seguiremos traballando na súa memoria.programa

XXVI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional - TODA A INFORMACIÓN DA PROGRAMACIÓN PREMENDO NO TÍTULO DA NOVA

A apertura da Mostra comezará co pregón o sábado ás 17:00 h. a cargo de Xosé Lois Mouriño Couto, un dos artesáns promotores desta feira dende o seu inicio. Lois Mouriño desprázase no ano 1985 ata Lugo, onde comeza a súa formación como artesán de gaitas, no obradoiro de Sito Carracedo. No ano 1987 crea en Compostela o Obradoiro de gaitas Mouriño onde comeza a súa faceta como artesán de instrumentos tradicionais galegos.

Ao longo destes anos ten impartido diversos cursos de construción de instrumentos musicais, concertos didácticos para tódolos públicos, e aulas de gaita en varios centros galegos europeos e centros culturais do noso país.

Como músico ten fundado, xunto a outros compañeiros, varios grupos de música como; Durindaina e Orquestra Os Modernos. Tamén ten colaborado con outros grupos como: Colexiata do Sar, Brincadeira, Brisas da Terra, Os Estalotes, Faiscas do Xiabre, Caldaloba, Cantigas e Agarimos, ou coa Banda de música de Santiago de Compostela.

No ano 2015 pecha definitivamente o seu obradoiro de instrumentos tradicionais, despois de ter construído durante 30 anos, principalmente gaitas, con destino a tódolos puntos da xeografía mundial. A día de hoxe continúa a traballar en Compostela en "A Grileira", quizais, a única tenda do país adicada exclusivamente a instrumentos de música tradicionais galegos.

Continuaremos co concerto de As Cantigas de Elena as 18.00 h., un proxecto que recompila melodías recollidas a Elena Alonso Pino (Toutón, 1 de xullo de 1928), por parte de María Vidal, Pichi Abollado e Pipo Alvariño. Elena recordaba multitude de melodías, algunhas delas moi antigas, e as cantaba dun xeito irrepetible. Tras unha sobremesa de cea de noite boa de 2016, Pipo Alvariño, María Vidal, Pichi Abollado e Miryam González acordaron que as fermosas melodías que conservaban de Elena non podían permanecer mais tempo no esquecemento.

Así nace o proxecto As Cantigas de Elena. O propósito deste traballo é amosar como eran as veladas musicais de Pipo Alvariño coa súa avoa Elena: unha voz, unha guitarra e un acordeón.

As 19.30 horas, será o momento de coñecer @s afortunad@s do boletos gañadores dos sorteos dun pandeiro (doado por Tunhas) e dunha pandeireta (doada por Foliqueiras).

A xornada do domingo iniciarase ás 11:30 horas coa apertura da mostra, seguido dunha demostración de construción de palletas a cargo do mestre palleteiro Jaime Pena que terá lugar as 12.00h. E ás 12:30 horas continuaremos cun Obradoiro de Treboada da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez, no que teremos a oportunidade de desfrutar e coñecer mais sobre esta formación instrumental típica da comarca do Baixo Miño, formada orixinariamente por unha gaita de barquín, un tambor e un ou dous bombos de grandes dimensións, e que se foi modificando, aumentando o número de bombos, e substituíndo a gaita de barquín pola de sopro directo.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas terá lugar o Obradoiro de Baile Tradicional, con Ruth Pérez bailadora da A.C. Cántigas e Frores de Lugo dende o ano 2003 ata a actualidade. No ano 2009 incorpórase como bailadora á compañía de baile “ProxectoDanza” coa que no 2011 presenta o seu primeiro espectáculo “Latexo”. Participa tamén como bailadora no espectáculo de baile “O poder do Arcabuz" de Quique Peón Cía. 

Imparte aulas de baile tradicional en diferentes asociacións da provincia de Lugo, actividade que compaxina coa participación no grupo de pandereteiras da A.C. Cántigas e Frores. 

E xa para rematar a xornada, ás 19.30 horas realizaremos o sorteo dun tambor doado por Manels Percusión con baquetas de Foliqueiras e dunha gaita doada por "Os canallas", un traballo colaborativo de Afonso Castro, Alberto Pires, Oli Xiráldez, Patricia González, Queima feita en madeira de Mopane doada por Pablo Martínez.

Ademais das actividades previstas disporemos dun escenario libre durante os dous días para músicos que desexen tocar ou artesáns que queiran facer algunha demostración. E como nas pasadas edicións, non faltarán nin a música nin o baile tradicional, que estarán presentes durante a fin de semana.

PROGRAMA

Sábado 3 de agosto

De 17.00h a 21.30h – XXVI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional

17.00 h. – Pregón. Lois Mouriño

18.00 h. – Concerto. As Cantigas de Elena

19.30 h. – Sorteo

 

Domingo 4 de agosto

De 11.30 h a 14.00h e de 17.00h a 21.30h – XXVI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional

12:00 h. – Demostración de construción de palletas. Jaime Pena.

12.30 h. – Obradoiro de Treboada. Oli Xiráldez.

18.00 h. – Obradoiro de baile tradicional. Ruth Pérez

19.30 h. – Sorteo

LISTADO DE ARTESANS /ARTESÁS

 

Afonso Castro / Gaitas / O Rosal

Alberto Pires / Gaitas / Pontesampaio

Alfonso García-Oliva / Instrumentos musicais históricos e tradicionais / Navajeda - Cantabria

Aragón y Parrado / Gaita irlandesa. Uilleann pipe / Guadarrama - Madrid

Dacorla Artesanía / Percusión tradicional / Fornelos de Montes

Foliqueiras / Percusión tradicional / Vigo

Iago Salgado / Instrumentos tradicionais / Teo

Julio Fernández / Instrumentos de vento / Quintela de Leirado - Ourense

Manels Percusión / Percusión tradicional / Ordes

Master Gaita / Gaita electrónica / Sada

Miguel Rivas / Percusión e vento / Vigo

Nebra / Gaitas e zanfonas / Porto do Son

O Chilro / Percusión e gaitas / Cambados

O Reberete / Vento e percusión tradicional / Amoeiro - Ourense

Obradoiro Antón Corral / Gaitas / Tui

Obradoiro de costura Saiáns / Traxe tradicional galego. Especialidade en fundas para instrumentos, vestidos e farrapos de gaitas / Saiáns

Obradoiro de Gaitas Seivane / Construción de gaitas / Cambre

Ocarinas Paparolo / Fabricación artesanal de ocarinas e asubíos / Santiago de Compostela

Oli Xiráldez / Gaitas e requintas / Calo - Teo

Pablo Carpintero / Reprodución de instrumentos antigos, percusión, gaitas e requintas / Compostela

Palletas Carrera / Palletas / Vigo

Queima / Instrumentos tradicionais de vento e percusión / Redondela

Sanjurjo obradoiro de luthería / Guitarra clásica, flamenca, acústica, cavaquinhos, ukeleles e percusión / San Sadurniño

Suso Gestal / Instrumentos de vento / Abellá

Tunhas / Percusión tradicional / Ames

Víctor Barral / Foles para gaita / Madrid

Xaneco / Percusión e zanfonas / Outeiro de Rei

Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria

 

             A mostra permanecerá aberta ao público durante toda a fin de semana, cun horario de 17.00 a 21.30 o sábado, mentras que o domingo será de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas.

             Todas as actividades, terán lugar no recinto do Festival de Pardiñas que organiza a A.C. Xermolos de Guitiriz.