Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / Lembranza a Antón Fraguas, protagonista do día das Letras Galegas

Lembranza a Antón Fraguas, protagonista do día das Letras Galegas

AGG

cartaz antonfraguas_web

O vindeiro domingo día 12 a Casa da Gaita acollerá o acto Lembranza a Antón Fraguas en homenaxe a esta gran figura da nosa cultura, que tanto fixo a prol da súa conservación e divulgación.

Antón Fraguas Fraguas dedicou a súa vida ao estudo da cultura e do territorio galego en diferentes ámbitos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Ademais, cos seus traballos contribuíu a defender o idioma propio como lingua de expresión en calquera ámbito. Foi historiador, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, así como un dos fundadores da Sociedade de Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, baixo a dirección de Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica. Entrou en contacto co galeguismo de mozo, cando estudou Bacharelato en Pontevedra, onde comezou a ter interese pola cultura galega grazas a docentes como Antón Losada Diéguez, ou Castelao.

Recibiu, entre outros galardóns, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia. Escribiu sobre xeografía e arqueoloxía, pero no campo no que máis destacou foi na cultura campesiña. As festas e romarías populares, as cantigas, as crenzas e os costumes,...

No evento que celebramos o domingo, faremos unha achega a algúns dos seus textos vencellados a nosa música tradicional e contaremos coa participación de Sonsoles Martínez, que colaborou na reedición do Cancioneiro, poñendo música algunhas das súas cantigas. Rematando co Himno Galego.