Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / IX Premio Xabier Prado Lameiro a Lume na Palleira

IX Premio Xabier Prado Lameiro a Lume na Palleira

Varios

lumenapallereiraemilioO programa da Radio Galega “Lume na Palleira”, dirixido e presentado por Emilio Españadero, recibiu o IX Premio Xabier Prado Lameiro, na súa novena edición, que outorga a Coral de Ruada, insigne formación vocal da cidade de Ourense.

Dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, entidade que colabora co programa Lume na Palleira a través do espazo "O Recuncho da Palleta", queremos sumarnos á celebración enviándolle os nosos parabéns a todo o equipo de Lume na Palleira e en especial, ao noso compañeiro Emilio Españadero.

Con este galardón, segundo indican as súas bases, prémiase de xeito simbólico, o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destacan polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folcore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas.

O xurado decidiu premiar a “Lume na Palleira” por:
1º) Considerar que dalgún xeito o programa Lume na Palleira vincula a todas as formacións de música tradicional e popular e difunde o seu traballo e compromiso, polo
que, tamén dalgún xeito, é un recoñecemento colectivo a todas elas.

2º) A especial sensibilidade no trato e a xenerosa acollida ás múltiples iniciativas culturais que se desenvolven en Galicia no eido da cultura tradicional.
3º) A difusión do programa desde un ente público, a Radio Galega, que transcende o propio espazo físico da emisora e de Galicia, a través non só das ondas senón tamén dos novos medios de difusión no ciberespazo ao público interesando na nosa cultura popular en todo o mundo.

Noraboa!!!