II MOSTRA DE FOLCLORE TRADICIONAL DE BRINCADEIRA
Luns, 25 Xuño 2007 09:15
O vindeiro sábado, 30 de Xuño, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal en Santiago de Compostela, terá lugar a II Mostra de folclore tradicional do grupo Brincadeira.
Ao longo dunha hora e media coñeceremos de primeira man o traballo feito polo alumnado desta escola de baile, gaita, percusión, pandeireta e acordeón, realizado ao longo de todo o curso. Tres grupos de cada disciplina (o dos cativos, e de adultos, iniciación e perfeccionamento) en baile, pandeireta e gaita, tambor e máis bombo, pasarán polo escenario do Teatro Principal.
Amosarán diferentes pezas tradicionais recollidas nas diferentes comarcas galegas, tentando reflectir da maneira máis fiel posible a cultura tradicional. Por suposto, vestidos co traxe tradicional, co que ademais poderemos gozar da riqueza e variedade das pezas, tanto de cotío como de gala, de distintas zonas de Galiza, de xeito que coñeceremos de xeito integral a nosa cultura.
Horario: 21:00 h.
Lugar:
Teatro Principal
Rúa Nova, 21. 15701, Santiago de Compostela
Prezo: De balde