A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S CELEBRA ESTE ANO A XXV EDICIÓN DA MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL - PARDIÑAS - GUITIRIZ
Venres, 03 Agosto 2018 08:45
Un ano máis a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG), a través da comisión de artesáns, achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a "XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional"; unha edición moi especial, xa que se cumpre o seu 25 aniversario.
Esta mostra, consagrada como a máis antiga e importante da Península Ibérica, é hoxe un referente indispensable da música tradicional galega. Un lugar de encontro onde tod@s @s amantes da nosa cultura poden gozar de dous días cheos de festa e ademais coñecer de preto o gran traballo de mais de 30 artesáns e artesás que nos traen unha amplísima variedade de instrumentos tradicionais como gaitas, requintas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas, violíns,...
Nesta nova edición volvemos a poñer o acento no recoñecemento d@s artesáns que co seu traballo minucioso e preciso fan posible que a artesanía dos nosos instrumentos tradicionais sexa recoñecida e valorada no mundo enteiro.
Como nas pasadas edicións, na mostra non faltará ademais a música e o baile tradicional, que estarán presentes durante a fin de semana a través de actuacións en directo e obradoiros.
"XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional".
A apertura da Mostra comezará co pregón a cargo de Xan Silvar, o sábado ás 17:00 h. en compaña do grupo Raparigos. Xan Silvar (Ferrol, 1953). Biólogo, profesor e, sobre todo, gaiteiro. Fundador con Carlos Cabrera de RAPARIGOS. Ten gravado coa Polifónica da Bazán, o Orfeón Terra a Nosa e con Emilio Cao. O grupo Raparigos xurde con Cabrera e Silvar, alumnos de Constantino Bellón que encetaron o grupo na Ascensión de 1968. Virían logo 1º premios no San Froilán, Lugo (1968 e 1974), en Santiago (1969, 1974), onde tamén levaron un 2º (1972) e un 5º (1973) con Ángel Muñoz no tambor. En 1977 Xavier R. Fariñas e Rafa Victoria substitúen a Cabrera e Trillo, bombo. Levan en Ponteareas un 1º (1977) e un 2º (1980).
Os concursos foron tan importantes como as romarías para a formación do grupo. Asiduos nos festivais (Ortigueira 1979, 81, 87; Pontevedra, Castrelos 1979) encetan unha longa lista. En 1992 representan a Galicia na Expo de Sevilla. A partir do 1983 RAPARIGOS xiran, por Francia e Gran Bretaña, percorrendo boa parte do seu circuíto folk. Tamén tocan en España e Portugal. Nesta época incorpórase Antón Varela. Ramón Dopico tomas as baquetas en 2011. Gravaron en 1981 coa Ed. RUADA Gaiteiros Galegos Vol.1 e con SONS GALICIA Tempero entre amigos en 1991.
Unha vez rematado o pregón continuamos a festa co concerto de Maraghotas as 18.00 horas, un cuarteto resultado de xuntar diferentes experiencias musicais cunha única vontade: crear música galega. O seu proxecto busca transformar en enerxía todo o que está ó seu alcance: gaitas, percusións, clarinete… Non cren nas fronteiras, e por iso mesturan ritmos, timbres e texturas, ó tempo que parten daquelas melodías de tradición oral que chegaron ata nós. Mulleres con ganas de transmitir o que é para elas a música: iso é o que son Maraghotas.
As 19.30 horas, será o momento de coñecer @ afortunad@ co boleto gañador do sorteo do tambor, xenerosidade do artesán Manels Percusión, quen doará o instrumento.
A xornada do domingo iniciarase ás 11:30 horas coa apertura da mostra, seguido ás 12:30 horas dun Obradoiro de Treboada da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez, no que teremos a oportunidade de desfrutar e coñecer mais sobre esta formación instrumental típica da comarca do Baixo Miño, formada orixinariamente por unha gaita de barquín, un tambor e un ou dous bombos de grandes dimensións, e que se foi modificando, aumentando o número de bombos, e substituíndo a gaita de barquín pola de sopro directo.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas terá lugar o Obradoiro de Baile Tradicional, con Gustavo Couto (Compostela, 1983), membro do grupo de baile do OCT Ultreia dende 1996, sección que dirixiu dende o 2009 ata 2017. Mestre de baile tradicional dende 2003 de distintos grupos e escolas, é tamén coautor dun Libro-DVD de autoaprendizaxe do baile tradicional chamado Bailabén, editado por Edicións do Cumio.
E xa para rematar a xornada da tarde, ás 19.30 horas realizaremos o sorteo dunha gaita de buxo feita e doada por "Os Canallas". Un traballo colaborativo de Alberto Pires, Oli Xiráldez, Queima, Afonso Castro e Patricia González.
Ademais das actividades previstas disporemos dun escenario libre durante os dous días para músicos que desexen tocar ou artesáns que queiran facer algunha demostración.
A mostra permanecerá aberta ao público durante toda a fin de semana, cun horario de 17.00 a 21.30 o sábado, mentras que o domingo será de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas.
Todas as actividades, terán lugar no recinto do Festival de Pardiñas que organiza a A.C. Xermolos de Guitiriz.
PROGRAMA
Sábado día 4
17.00 horas - Apertura da mostra.
17.00 horas - Pregón – Xan Silvar e Raparigos
18.00 horas - Concerto - Maraghotas
19.30 horas - Sorteo
Domingo día 5
11.30 horas - Apertura da mostra.
12.30 horas - Obradoiro de Treboada - Oli Xiráldez.
18.00 horas - Obradoiro de baile tradicional – Gustavo Couto
19.30 horas - Sorteo
LISTADO DE ARTESANS PARTICIPANTES NA MOSTRA
Asociación de Gaiteir@s Galeg@s - Organización
Xaneco - Percusión e Zanfonas - Outeiro de Rei
Oli Xiráldez - Gaitas e Requintas - Calo-Teo
Tunhas - Percusión tradicional - Ames
Alberto Pires - Gaitas - Pontesampaio
Queima - Instrumentos tradicionais de Vento e Percusión - Redondela
Foliqueiras - Percusión tradicional - Vigo
Gaitas Marcos - Percusión e Gaitas - Ferrol
Nebra - Gaitas e Zanfonas - Porto do Son
Julio Fernández - Instrumentos de Vento - Quintela de Leirado - Ourense
Pablo Carpintero - Reprodución de Instrumentos antigos, Percusión, Gaitas e Requintas - Compostela
Miguel Rivas - Percusión e Vento - Vigo
Che Vázquez - Birimbaos, Trompas, Frautas e Instrumentos tradicionais - Brión
Obradoiro de Gaitas Seivane - Construción de Gaitas - Cambre
Ocarinas Paparolo - Fabricación artesanal de Ocarinas e Asubíos - Santiago de Compostela
Pablo Sánchez Otero - Construtor de Guitarras e outros Instrumentos de Corda pulsada – Amberes
Manels Percusión - Percusión tradicional - Ordes
Jaime Pena - Artesán Palleteiro - As Pontes
O Chilro - Percusión e Gaitas - Cambados
Master Gaita - Gaita electrónica - Sada
Dacorla Artesanía - Percusión tradicional - Fornelos de Montes
Carlos Fandiño - Gaitas - Teixeiro
Diego Langarika - Artesán de Instrumentos de Corda e Percusión – Mondariz
Iago Salgado - Instrumentos tradicionais - Teo
Jaime Rebollo – Zanfonas - Beluso
Afonso Castro - Gaitas - O Rosal
Miguel Mosquera - Gaitas, Frautas e Pito Pastoril - Sarria
Xermán Arias - Luthería e Zanfonas - Sarria
O Reberete - Vento e Percusión tradicional - Amoeiro
César Loureiro - Construtor de Zanfonas – Marín
Xaime Rivas – Zanfoñas - Vigo
Palletas Carrera – Palletas - Vigo