Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / Pesar polo pasamento do gaiteiro e palleteiro Rubén González

Pesar polo pasamento do gaiteiro e palleteiro Rubén González

Varios

rubenHoxe temos que informar dunha triste nova. A música tradicional está de loito polo pasamento do gran gaiteiro e palleteiro Rubén González. 

Un home moi querido e xeneroso, que loitou moito por conseguir o seu ansiado soño: ser gaiteiro. Rubén González foi zoqueiro, ferreiro, traballou na mina de magnesio e incluso foi enterrador, compaxinando sempre todos estes traballos coa defensa permanente da cultura galega.

Foi neto dun membro da banda de Noceda (O Incio) de principios do século XIX, e iniciouse moi novo no mundo da música. Foi gaiteiro en Entrimo (Ourense), en Noceda e co grupo ‘Os Agarimos’.

Durante moitos anos adicouse a fabricación de palletas, moitas das cales foron exportadas a outros países. O seu traballo a favor da música tradicional valeulle numerosos premios e homenaxes, como o “Constantino Bellón - Gaita de Ouro”, a insignia de Ouro e o recoñecemento de Fillo Adoptivo do Concello do Incio, ser pregoeiro da Mostra de Instrumentos Tradicionais de Pardiñas e tamén o recoñecemento como  Socio de Honra da Asoc. Cultural Cántigas e Frores entre outros.

Mañá domingo día un, ás CINCO E MEDIA da tarde no Tanatorio de Monforte terá lugar á oración de celebración da palabra; e seguidamente a condución do cadáver ata o Cemiterio Parroquial de Castelo de Somoza (O Incio). 

Dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s compartimos a dor e lamentamos fondamente a perda de Rubén, un membro destacado e ben querido desta gran familia da AGG.

DEP