Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / Pesar polo pasamento de Lito de Pinténs

Pesar polo pasamento de Lito de Pinténs

AGG

lito de pintensHoxe temos que informar dunha triste nova, toda a música tradicional, e en especial a da comarca do Morrazo está de loito polo pasamento do mestre gaiteiro Anxo Gago "Lito de Pinténs". “Lito”, que naceu na aldea de Pinténs, na parroquia do Hío, foi un gran gaiteiro e mellor persoa, con el vaise un referente, un anaco da cultura da gaita, instrumento polo que sempre sentiu paixón e unha devoción que lle fixeron ser inseparables. Unha historia que afonda no orgullo de ser Gaiteiro Galego.

Foi fundador, mestre e músico en distintos grupos de gaitas, e foi o primeiro director da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu. Recibiu o galardón Xohán de Cangas no marco da Festa da Cultura, e no pasado mes de setembro recibiu unha homenaxe organizada polo grupo que dirixía, "Vos do serán", e na que participaron numerosas agrupacións ás que estivo vinculado durante a súa vida.

Parte da súa historia quedou reflexada no documental dos Gaiteiros do Mar, codirixido por Xurxo Souto e Martín Rodas, unha fita que recupera a memoria dos mariñeiros-gaiteiros que se embarcaron nos anos sesenta e setenta con destino ao Gran Sol, a Terranova, a Namibia,... levando o son da nosa música a todas as latitudes ata onde eles chegaban.

Dende a AGG tivemos o pracer de compartir varias xornadas con el e cos seus compañeiros do grupo Os Gaiteiros do Mar (Manolo de Donón, Feliciano de Donón, Manuel Martínez Santomé e o Peix de Aldán). Sempre quedarán no noso recordo estas I e II Xornadas sobre os Gaiteiros do Mar (A Coruña 2016 e Rianxo 2017), nas que compartiron con todos a súa música e as súas maravillosas historias no mundo da gaita e do mar. 

Dende a AGG lamentamos fondamente a súa perda e queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.