Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / Pesar pola morte do gaiteiro Vilariño

Pesar pola morte do gaiteiro Vilariño

Varios

edmundo vilarioHoxe vimos de enterarnos dunha triste nova, faleceu Vilariño, gaiteiro de Cantigas da Terra e o derradeiro integrante dunha formación que os gaiteiros recoñecen pola súa contribución a música tradicional do país, Os Cinco de Galicia.

Edmundo Vilariño comezou tocando o clarinete na banda popular do seu pobo, Muimenta, pero sería no servizo militar onde se especializaría no instrumento que lle deu a súa sona ao integrar a banda de gaitas de Infantería na Coruña.

No ano 1953 chega ao coro galego Cántigas da Terra, unha formación a que permanecerá ligado ata os oitenta, agás os seis anos que pasa emigrado en Alemaña. É a volta tamén cando monta un bar no barrio coruñés da Sagrada Familia, onde eran célebres as foliadas todos os sábados. A principios dos noventa foi contratado polo Igaem como gaiteiro do ballet Rey de Viana, onde se xubilaría. Ao redor dos sesenta é cando entrara a formar parte do grupo de gaitas Os Cinco de Galicia, liderado por Leonardo Corral Vázquez, que foi a ampliación dunha formación anterior, Os Catro de Galicia, que nacera coa idea de que os integrantes representasen as provincias galegas, sendo a formación máis estable de Os Cinco de Galicia a formada polos gaiteiros Leonardo Corral, Xesús Vázquez Pedrares, Edmundo Vilariño; X. Luís Corral ao tamboril e Arturo Mato O Garceiras ao bombo.

«Non había festa na contorna na que non estiveran», comentaba Pepe Taboada nunha entrevista con motivo da homenaxe que lle fixeron a Vilariño no Toniño Espiñeira hai un par de anos, e remarcaba nesa mesma entrevista, que Vilariño «era moi habilidoso, moi bo gaiteiro, pero mellor persoa». Aínda que os compañeiros foron desapareceron, el continuou, con novas incorporacións, mantendo vivo o nome da formación.

A capela ardente atópase no tanatorio LENDOIRO, en Tabeaio (Carral - A Coruña) ata a tarde de mañá as 16.30h que sairá para recibir sepultura na igrexa de Figueroa (Abegondo).

Dende a AGG queremos expresar o noso pesar pola súa perda.

Que a terra lle sexa leve.