Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / Homenaxe a Pepe Temprano

Homenaxe a Pepe Temprano

Varios

cartaz homenaxepepetempranoO vindeiro 28 de outubro ás 20.00 horas, terá lugar no Teatro Colón unha merecida homenaxe ao gaiteiro Pepe Temprano. Esta homenaxe é un recoñecemento a toda unha vida dedicada a nosa música tradicional, cunha traxectoria histórica de enorme calidade artística. Esta homenaxe está organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, e conta coa colaboración da Asociación Folklórica Cultural Orballo, a Asociación de Coros e Danzas Eidos e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Tamén colabora a Deputación da Coruña, o Teatro Colón e a Real Academia Galega de Belas Artes, que acordou concederlle a Medalla de Prata "Marcial del Adalid" a Pepe Temprano e farán a súa entrega o propio día da homenaxe.

Pepe Temprano nace en A Coruña en 1940. Os seus comezos na música tradicional teñen a súa orixe na familia. De pai gaiteiro e tamborileiro, tío gaiteiro e avó acordeonista, Pepe Temprano creceu escoitando “Os Tempranos de Eirís da Cruña”, o primeiro cuarteto de gaitas que houbo en A Coruña e As Mariñas e que atopou en Pepe o relevo xeracional.

Comezou a enredar coa gaita de maneira autodidacta, cando contaba con 16 anos e seguiu con Fernando Álvarez, quen se ofreceu a ensinarlle.

Na súa prolífica vida como gaiteiro, tocou en multitude de escolas e grupos. Tocou nos Tempranos de Eirís, na Fábrica de Tabacos, na Asociación de Coros e Danzas Eidos, Aturuxo, Coros e Danzas da Sección Femenina, e practicamente en todos os grupos de A Coruña. Como el dí, “coa gaita ao lombo” percorreu o mundo tocando en multitude de lugares; Porto Rico, Miami, Bos Aires, París, Bélxica, Holanda, Nova York e por suposto por todo o país.

Home polifacético onde os haxa, Pepe Temprano, tamén foi actor, chegando a rodar unha treintena de spots publicitarios.

Apaixoado do folclore, fotógrafo afeccionado, Pepe tamén é un coleccionista nato, e dise que atesoura unha das coleccións tanto discográficas como de instrumentos mais extensa de Galicia, todas auténticas xoias a través das cales foi cultivando un intenso coñecemento sobre a nosa música.

Falar de Pepe e falar dun home amable, sinxelo, aberto, amigo dos seus amigos, e con esta Homenaxe queremos amosarlle o agradecemento e cariño que lle temos todas as persoas que estamos no ámbito do folclore.