Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / A TRADESCOLA INCORPORA A SUSO VAAMONDE NO SEU CUADRO DOCENTE PARA IMPARTIR A MATERIA DE ZANFONA

A TRADESCOLA INCORPORA A SUSO VAAMONDE NO SEU CUADRO DOCENTE PARA IMPARTIR A MATERIA DE ZANFONA

Varios

suso vaamondeA TRADESCOLA, o centro de ensino da música, do canto e do baile tradicional galego xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo ven de incorporar no seu cuadro docente a Suso Vaamonde, recoñecido profesional que conta cun dilatado currículo, como músico e como docente, no eido da música tradicional galega.

A Tradescola mantén aberta estos días a matrícula para o vindeiro curso nas aulas de gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais de aulas específicas para os máis pequenos. A matrícula permanecerá aberta en horario de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas ata o 22 de setembro nos seus locais na Rúa Pintor Corredoira nº 4 de Lugo.(Centro Lug2)

A TRADESCOLA conta no seu equipo docente con 10 dos mellores mestres no eido da música e do baile tradicional. Os mestres e mestras implicados neste proxecto educativo son: Bruno Villamor, Mª Carmen Saborido, Paula Fdez. Rodríguez, Xabier Iglesias, Cristina de Pardo Castro, Jose Manuel López, Branca Villares, Roberto Rodríguez, Suso Vaamonde e Miguel Anxo López Buján.

A Tradescola segue traballando día a día na busca de xeitos de mellora para acadar os seus obxectivos finais, promocionar e transmitir a música, o canto, o baile e outras tradicións culturais galegas apostando sempre pola educación como un dos piares fundamentais para a conservación, coñecemento e divulgación da nosa música.

Froito deste traballo, ven de ampliar no pasado curso o seu proxecto educativo coa posta en marcha dun novo itinerario profesional que terá como finalidade proporcionar ao alumnado unha formación coa que garantir a cualificación dos futuros profesionais que serán quen de continuar coa transmisión e exposición do noso patrimonio. Este itinerario impartirase paralelamente ás aulas xa existentes, que continuarán como en anos anteriores acollendo a preto de 300 alumnos.