Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Pasamento de Xosé Domingos Fuciños Gómez (Mingos de Pita)

Pasamento de Xosé Domingos Fuciños Gómez (Mingos de Pita)

Varios

p1010062Hoxe temos que informar dunha triste nova, na AGG sentimos fondamente a perda dun bo e xeneroso, un membro destacado e ben querido do mundo da cultura tradicional, como era D. Xosé Domingos Fuciños Gómez (Mingos de Pita), socio fundador da AGG e que foi unha figura clave nos inicios da nosa Asociación.

Mingos participou, xunto con outros gaiteiros e artesáns da súa xeración, nas primeiras xuntanzas que se levaron a cabo en Ortigueira e Melide, cunha común preocupación que era defender e dignificar a figura do noso instrumento nacional, a gaita, e por suposto a figura do gaiteiro.

Nestas xuntanzas viron a necesidade de crear unha asociación de ámbito galego que defendese as nosas tradicións, e así estas reunións convertéronse no xermolo do que é hoxe en día a nosa asociación.

Queremos agradecerlle a Mingos o labor desenvolvido ao longo dos anos pola nosa cultura, apoiando sempre á AGG, en favor da defensa, divulgación e dignificación da nosa música tradicional.

Dende aquí tamén queremos facerlles chegar o noso máis sentido pésame á familia e amigos.

O funeral por Xosé Domingos Fuciños Gómez (Mingos de Pita) terá lugar mañá Mércores, día 6 de Setembro ás 5,30 do serán na Igrexa Parroquial de Melide e Cemiterio Municipal de Melide. (Castelo)

Lar funerario:Velorio Municipal de Melide. Sala nº 1.

 

Que a terra che sexa leve, DEP