Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / Entrevista a Xacobe Varela, compoñente do grupo de música tradicional Os d'Abaixo

Entrevista a Xacobe Varela, compoñente do grupo de música tradicional Os d'Abaixo

Varios

os-dabaixoOs d'Abaixo comezaron a tocar aló por 2010, como un grupo de amigos que se xuntaba unha vez ao mes para amenizar bailes na Gentalha do Pichel, en Santiago de Compostela. O interese que espertaron os seus concertos consolidáronos como grupo, gravando en 2014 o seu primeiro disco, Ao vivo en Lorient. Agora veñen de publicar o seu segundo traballo, "Quixera ser dos páxaros". De feito, actuarán en Compostela (14 de agosto), Manresa (6 de outubro), Ibiza (5 de novembro), e Doso-Narón (11 de novembro).

En praza.gal falan con Xacobe Varela, un dos integrantes da formación.

Que novidades ten este segundo disco? Que o diferencia do primeiro?

Con respecto ao primeiro disco que sacamos, a gran diferenza é que daquela tiñamos pouca ou ningunha intención de facer un disco. Fóramos tocar ao Festival de Lorient e tiñamos 15 concertos en 5 días, e pensamos que podía ser bo gravar eses 15 concertos para se cadra publicar algo despois, pero dende logo non era o obxectivo primordial. Ao final vimos que había un bo material e acordamos sacar o disco, co bo e o malo que ten o directo e a pouca marxe que tes no estudio para corrixir erros, pero con toda a enerxía que teñen as actuacións ao vivo. Fixemos unha escolma de temas populares do cancioneiro tradicional, temas enérxicos que nos gustaban.

Desta volta decidimos gravar un directo en estudio e houbo un traballo de investigación previo moi grande, coa intención de publicar pezas inéditas ou non moi coñecidas, e ademais cuns arranxos máis elaborados. A gran diferenza é que este é un disco máis madurado e máis traballado que o primeiro.

Como está sendo a acollida do disco nos concertos que xa ofrecestes polo país?

Estamos ben contentos coa recepción, porque fixemos unha minixira de presentación e alí o disco foi moi ben acollido. E temos bastantes concertos programados, sobre todo tendo en conta como está actualmente en Galicia o mercado para este tipo de música e que somos un grupo grande, de seis músicos máis un técnico.

Como valoras o momento actual da música tradicional en Galicia?

A nivel creativo e de aparición de novos grupos, creo que estamos vivindo un bo momento, con moita xente nova, moi boa e ben formada que está xurdindo. A diferenza con tempos pasados é que antes tamén había moito talento, pero seguramente a xente non tiña tan boa formación. Así que, en xeral, é un bo momento creativo para a música tradicional e para a música folk do país. En cambio, non é un bo momento se nos referimos ao apoio das administracións a esta música, sobre todo da Xunta. Nos anos 90 houbo un boom da música folk e atopabas moitos grupos, en todos os festivais. Agora segue habendo festivais folk, pero xa non se pagan os cachés que se pagaron noutro momento, uns cachés que seguramente estaban sobredimensionados, grazas á inxección de cartos públicos nos eventos.

Botades de menos, entón, un maior apoio da administración á música tradicional?

Non hai moito apoio para a música tradicional e en cambio si o hai para outros estilos e orquestras que non fan música galega. En todas as parroquias e aldeas xuntan milleiros de euros para traer unha orquestra, canto máis grande mellor, que non fai música galega e transmitindo mensaxes un tanto polémicas nalgunhas ocasións. É certo que esta música de pachanga está moi promocionada na televisión e que atrae un gran número de xente e que move moitos cartos. A solución a isto pasaría por un maior apoio institucional, máis promoción para a música tradicional e por unha maior dignificación.

Que medidas concretas serían máis urxentes ou importantes neste momento: facilitar espazos nos que tocar ao vivo, unha rede de locais de ensaio, ou mellorar a promoción e a difusión?

Todo o que nomeaches estaría na lista, pero eu incidiría tamén noutro aspecto: noutros países, como Francia ou Suecia, cando unha persoa que fai música tradicional vai tocar fóra, a un festival, as máis das veces o Goberno págalle a viaxe; eles teñen unha facilidade moi grande para poder viaxar e tocar fóra, e nós aí estamos en desvantaxe, e limita a nosa posibilidade de actuar. Así mesmo, estaría moi ben tamén que se apoiasen iniciativas de ensino de música tradicional e folk. E debería apoiarse máis aos festivais, que moitas veces non che poden pagar o caché completo.

Fonte: http://praza.gal