No mundo da gaita estamos de loito
Mércores, 26 Xullo 2017 12:06
Deixounos Antón Varela e con él foise unha das figuras de referencia da nosa cultura tradicional galega.
Nado en Ferrol en 1955, Antón Varela, gaiteiro, artesán e compositor, achegouse ao mundo da gaita no Grupo Scout 19 Ferrol, con 10 ou 12 anos. Comezou tocando primeiro o bombo e o tambor, pero pronto descubriu a súa paixón pola gaita.
Amante da nosa música tradicional, formou parte de grupos como “Os Cempés”, “Follas Novas”, “Os raparigos” ou “Berros do Castro” onde ademais realizou unha gran labor de recuperación da memoria gráfica da gaita galega.
Gran apaixoado da nosa terra, a súa gran vocación sempre estivo ligada á gaita. Traballou como carteiro primeiro e logo para o sector naval en Bazán, pero en 1986 deixouno todo para concentrarse na música, que era a súa verdadeira vocación e marchou a Lugo para formarse como luthier baixo as ensinanzas do Mestre Xosé Seivane.
Considerado como un dos mais recoñecidos artesáns de Galicia, dunha excepcional delicadeza e capaz de converter cada instrumento nunha obra única, mantivo en plena actividade o seu obradoiro da rúa San Francisco, en Ferrol Vello, lugar de peregrinación para gaiteiros de todo o mundo e dende o cal o son das súas gaitas animaba a veciños e visitantes.
De gran bondade e xenerosidade, Antón Varela “Tonecho” deixa un valiosísimo legado vinculado coa música tradicional galega, pero deixa sobre todo unha gran pegada naqueles que tivemos a sorte de telo coñecido, e que o levaremos sempre na memoria.