Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / IV Encontro de Cantareiras

IV Encontro de Cantareiras

Varios

cartel iv encontro

O vindeiro sábado 8 de abril ás 20.00 horas na Liga de Amigos de Barallobre, terá lugar o IV Encontro de Cantareiras organizado por Airiños de Fene e pola A.C.D.R. Liga Amigos Barallobre. Neste encontro participarán os grupos:

Xirifeiras (Airiños de Fene)

Feiticeiras (Malpica de Bergantiños)

Alxibeira (Padroado Cultura Narón)

Xerfa (Airiños de Fene)

Máis info dos grupos premendo no título da nova.

CANTAREIRAS XIRIFEIRAS

O Grupo de Cantareiras “Xirifeiras” nace no ano 1996 no seo da Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” baixo a dirección de Chus Niebla, directora, naquel tempo, de Canto e Baile de “Airiños de Fene”. Na actualidade o grupo está dirixido por Gisela Sanmartin.  O Grupo de Cantareiras “Xirifeiras” participou e participa de forma activa en todas as actuacións e espectáculos da Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”.
Moitas foron as actuacións nas que teñen participado, podendo destacar a súa participación no: 29 Festival Interceltico de Lorient 1999, Festival Fin do Milenio en Sines (Portugal), Semana Grande das Festas de Bilbao 2000, XVIII Festival Folk Segovia 2001, 31 Festival Interceltico de Lorient 2001, VII Festival Intercelticu de Avilés 2003, Festra da Cultura 2004 Melgaço (Portugal), 39 Festival Interceltico de Lorient 2009, XIV Festival Intercelticu de Avilés 2010, na XVII Semana Internacional de Música y Folclore 2014 - El Franco (Asturias), no XIX Festival Interceltico d´occidente 2015 (Tapia de Casariego), nas VII Xornadas Celticas do oriente de Asturias 2015 (Cangas de Onis, Ribadesella, Llanes e Arenas de Cabrales)......, en lugares como Porto, Bermeo, Gernika, Sestao... así como en numerosas entidades e sociedades de Ferrolterra.

GRUPO FEITICEIRAS DA ASOCIACIÓN CULTURAL MALANTE DE MALPICA

O grupo FEITICEIRAS, dirixido por Belén Mato, pertence á Asociación Cultural Malante. Esta presentouse en Malpica en agosto do ano 2003, debido á iniciativa dun grupo de rapaces dispostos a darlle un cambio ó mundo do asociacionismo e da cultura en Malpica de Bergantiños. A mestura da veteranía de moitos dos seus membros, que xa foran compoñentes doutros grupos do concello, coa ilusión de moita xente que se uniu á asociación fixo posible levar a bo porto esta entidade tan nova. Malante realizou xa en outubro de 2003 un intercambio cultural co concello de Chantada, dentro dun programa de visitas que teñen previstas para os seus grupos e dar así a coñecer noutros lugares de Galicia o folclore da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte.

 Participaron tamén na edición de 2005 da Rapa das Bestas en Vimianzo, no festival Folk que organiza o concello de Ordes no verán de 2004, na Mostra do Encaixe de Camariñas, a Mostra da Olería de Buño e en moitas das festas de Malpica como Corpus, festas de Mens, Barizo e outras moitas. No verán de 2007 viaxaron ao Algarve en Portugal representando a Galicia no certame folclórico organizado en As Barrosas (Salir), e en agosto de 2010 realizaron outra viaxe a San Bartolomeu do Mar en Esposende onde seguiron representando a Galicia e ó folclore da Costa da Morte en terras portuguesas. En agosto de 2013 celebraron o seu décimo aniversario en Malpica de Bergantiños, localidade que os viu medrar e que foi testemuña da andadura desta asociación ao longo destes anos.

PANDERETEIRAS DO GRUPO DE BAILES TRADICIONAIS ALXIBEIRA, DO PADROADO DA CULTURA DO CONCELLO DE NARÓN.

A súa creación tivo lugar a finais de 1986, e as súas compoñentes pertencían ás diversas Escolas de Baile e música tradicional que o propio Padroado tiña espalladas polas parroquias.

A idea da formación do Grupo xurde do Padroado da Cultura, cun obxectivo claro e preciso: a revalorización do folclore e costumes de Galicia, e a recuperación das nosas tradicións, fundamentando os traballos de investigación nas verdadeiras raíces autóctonas. O grupo de pandereteiras Alxibeira está dirixido por Belén Mato.

CANTAREIRAS XERFA

O Grupo de Cantareiras “Xerfa” nace no ano 2009 no seo da Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” baixo a dirección de Chus Niebla, directora de Canto e Baile de “Airiños de Fene”. O Grupo de Cantareiras “Xerfa” está composto, na súa maioría, por nais de compoñentes de “Airiños de Fene”. Todas as compoñentes son nais e incluso avoas que sacan tempo dos seus traballos e faceres para dedicarllos á nosa música e canto tradicional.

Ó longo destes anos, o Grupo de Cantareiras “Xerfa” ten participado no 39 Festival Interceltico de Lorient 2009, no XIV Festival Intercéltico de Avilés 2010, no XVIII Festival Intercelticu de Avilés 2014, na XVII Semana Internacional de Música y Folclore 2014 - El Franco (Asturias), no XIX Festival Interceltico d´occidente 2015 (Tapia de Casariego), nas VII Xornadas Celticas do oriente de Asturias 2015 (Cangas de Onis, Ribadesella, Llanes e Arenas de Cabrales), nas Xuntanzas de Gaiteiros, que organiza Airiños de Fene, así como en numerosas entidades e sociedades de Ferrolterra.