Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Lembramos a figura do noso Presidente de Honra, o gran mestre Ricardo Portela, cando se cumpren 25 anos do seu pasamento.

Lembramos a figura do noso Presidente de Honra, o gran mestre Ricardo Portela, cando se cumpren 25 anos do seu pasamento.

Varios

foto asociacion gaiteiros galegosO Gaiteiro de Viascón

Ricardo Portela Bouzas (Viascón, 1920- Pontevedra, 1992) é un dos máis recoñecidos gaiteiros do país. 

Foi, nuns tempos nos que os gaiteiros ficaban ao final da lista nos carteis das festas como “gaitas del país”,  un firme defensor da gaita e da figura do gaiteiro. Como dicía o mestre “O gaiteiro é o interprete das esencias mais xebres da música de Galicia; ten nas súas mans o instrumento representativo dun pobo”.

A el debémoslle os nosos comezos, pois a finais dos anos 70 participou nas primeiras “Xuntanzas de Gaiteiros e Artesáns” celebradas primeiramente en Ortigueira e posteriormente en Melide. Estas xuntanzas foron o punto de partida da creación da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s da que Portela foi presidente fundador e da cal segue sendo Presidente de Honra.

Ricardo Portela ocupa por méritos propios un lugar destacado na historia da nosa gaita ao carón de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo, Xoán de Campañó ou Avelino Cachafeiro, dos que foi admirador e continuador, a súa figura foi o elo fundamental entre a gaita tradicional e a gaita actual. Reivindicou o toque pechado, as formas propias e diferenciais de tocar a gaita galega e negouse sistematicamente a facer soala gaita nos intres e lugares onde non se escoitase coa debida atención e respecto. O seu repertorio foi e segue sendo fonte de inspiración para tod@s @s gaiteir@s galeg@s.

Nos últimos anos Ricardo sufriu unha anxina de peito e os médicos recomendáronlle que deixase a gaita mais el, como di Jose Luis Calle na biografía do gaiteiro, preferiu “gaita con risco que vida sen gaita”.

E hoxe facemos unha semblanza na súa memoria, pois o 24 de marzo de 1992 faleceu dun ataque ao corazón, hai hoxe 25 anos.