Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / O grupo Milesios lanza o seu novo disco, indoevindo.

O grupo Milesios lanza o seu novo disco, indoevindo.

Varios

 

indoevindoO grupo Milesios acaba de lanzar o seu segundo disco, titulado indoevindo.

Milesios é un grupo de música folk que pretende recoller e re-interpretar a música tradicional galega e irlandesa na idea de que foron os galegos de hai miles de anos os que levaron a Irlanda a nosa cultura, que evolucionou de xeito paralelo.
Xa son sete os anos que leva Milesios viaxando polos escenarios de toda Galiza, compartindo cartaz con grupos como Berrogüetto, Coetus, Kepa Junquera, Pepe Vaamonde Grupo, Quempallou ou Tiruleque, por citar só alguns deles.
Mais non só son coñecidos en Galiza. No ano 2015 foron premiados no III Certamen "Folk en la Sierra - FIS 2012", ex aequo con BOC, de Baleares, e Menaya de Soria.
Milesios son:
Maite Veiga: voz, percusións, baixo.
Marta Portela: voz, pandeireta, e outras percusións.
Manuel Mª Veiga: bouzouki, mandolina, frautas, clarinete, gaita, acordeón, guitarra,
baixo.
Manuel do Moucheiro: guitarra, bodhrán.
Noelia Fersán: gaitas, frautas, percusións.
Paula Veiga: violín, mandolina.
Senén Montero: acordeón, tamboril, batería, bodhrán, gadaña e outras percusións.

O CD xa está dispoñíbel para escoita e descarga nas principais plataformas: Bandcamp, Deezer, Spotify, AppleMusic, Amazon, iTunesStore e GooglePlayMusic, e en breve será presentado en Lugo.

 

http://www.milesios.gal

Aquí vai tamén o enlace para ver dous vídeos promocionais do CD, obra de Daniel Díaz Trigo.

https://youtu.be/P47zqElScEU
https://youtu.be/X_dyoorLr5M

Máis información premendo no título da nova.

 

Catro anos despois de alén mar, chega este novo traballo gravado, mesturado e masterizado en Abrigueiro Estudios por Arturo Vaquero.
O traballo continúa a explorar as relacións entre a música galega e irlandesa con pezas que beben de ambas tradicións e outras de composición propia.
A principal mudanza deste traballo respecto ao anterior é a incorporación da voz en catro das pezas. Tres destas pezas son adaptacións de cantos tradicionais e na cuarta, Milesios pon música ao poema Anceio, publicado en 1954 por Manuel María dentro do libro Advento.

O novo traballo de Milesios componse de 11 temas que queren ser un concerto itinerante. Despois destes once temas que conforman o concerto, atoparedes unha paisaxe sonora, creada sobre unha idea de Daniel Díaz, que evoca o noso ir e vir cotián e contén os ecos do concerto recén escoitado. Para finalizar o concerto, ofrécennos unhas xotas de propina. E como non hai xota sen muiñeira, tamén atoparedes unhas muiñeiras para rematar bailando.
En total, o CD contén case unha hora de música que se insire nas paisaxes que se repiten, sempre distintas, indo e vindo, das fotografías de Daniel Díaz Trigo.

http://www.milesios.gal