Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / GRAN ÉXITO DO I ENCONTRO DE TROMPAS NA FONSAGRADA

GRAN ÉXITO DO I ENCONTRO DE TROMPAS NA FONSAGRADA

AGG

O salón de actos do Concello da Fonsagrada encheuse ata completar aforo para a celebración o pasado día 21 do Iº Encontro de Tocadores de Trompa. Dende as 11 da mañá sucedéronse os relatorios a cargo de estudosos do folclore, artesáns, tocadores e demais persoas especialistas neste instrumento.

Era de obriga celebrar este Iº Encontro de Tocadores de Trompa na Fonsagrada, xa que foi nesta comarca onde se conservou a trompa cunhas características morfolóxicas e de interpretación que o fan singular dentro do mundo das guimbardas.

Como non, puidemos compartir momentos cos vellos mestres Emilio O Pando e César Fernández, que unha vez máis demostráronnos que idade non é nin moito menos un impedimento para transmitir a enerxía e ilusión que desprende a música que levan dentro.

O traballo de persoas xa desaparecidas coma Herminio Villaverde ou Otilio Álvarez tamén tivo cabida dentro do Encontro e houbo relatorios que axudaron a coñecer máis polo miúdo a obra que legaron estes dous homes fundamentais para coñecer a trompa na comarca da Fonsagrada.

Os materiais de construción, lingüetas, sonoridades, técnicas, guimbardas do mundo foron asuntos tratados para varios dos conferenciantes que despertaron a curiosidade e fomentaron o debate entre o público asistente.

Sen dúbida a celebración destas xornadas sobre a trompa galega deben constituír un punto de inflexión para a divulgación e interpretación do instrumento entre @s músic@s Galeg@s. Dende a AGG seguiremos traballando para o coñecemento e recoñecemento da Trompa da Fonsagrada e o número de tocadores aumente ano tras ano.