Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / XII Foliada de Melide

XII Foliada de Melide

Festivais, Foliadas, Romarías

foliada 2016Os días 22, 23 e 24 de abril celébrase a XII Foliada de Melide, un encontro cultural de música, artesanía e tradición.

Venres 22 de abril.

A programación desta primeira xornada desenvolverase na Casa da Cultura a partir das 22:00 horas.

Estrea da curtametraxe "O tesouro da ferreña", unha producción en exclusiva para a Foliada de Melide

Actuación de Cantata Vernácula. Dúo formado por Suso Vaamonde e Xoán Porto no que a través de temas tradicionais e outros de autoría propia achegarán o folclore ao público dun xeito totalmente diferente e cheo de humor.

Sábado 23 de abril.

(Para ler a nova completa clic no título)


Mostra de artesanía e instrumentos: Abrirá as súas portas a partir das 11h e permanecerá instalada na Praza do Convento durante toda a fin de semana. Reunirá a artesáns de todo o país repartidos en vinte postos que abarcan dende instrumentos de percusión, gaitas ou zanfonas ata confección de traxes tradicionais, talla de madeira, pedra ou coiro.
Cantos de taberna: A primeira xornada da Foliada comezará cun dos pratos fortes, o concurso de cantos de taberna. Este ano celébrase a oitava edición. Participarán dezanove grupos e outros tantos locais de hostalería. Cada grupo fará un percorrido por oito locais no que recibirán a puntuación do taberneiro correspondente. Os tres grupos con maior puntuación serán os gañadores.

 Os grupos participantes son:

1. Chanqueiros da Gaita Escola (Mondoñedo)
programa foliada16
2. Alén do Mar (Bergondo)
3. Os Trapeiros (Melide)
4. Os Sons da Mina (Vila de Cruces)
5. Cantos Bohebrios (Sarria)
6. Os do Pilón (Arzúa)
7. A Fonte de Merlán (Palas de Rei)
8. Muxiqueiros (Melide)
9. Vaiche Boa (Visantoña - Santiso)
10. Fiadeira (Antas de Ulla)
11. Airiños Galegos (Santurtzi)
12. Reviravolta (O Pino)
13. Sobreiras do Ulla (Touro)
14. Viute o Demo (Sada)
15. Rondalla Moraima (Arzúa)
16. Os Sobraos (Bergondo)
17. Doces Lembranzas (Barakaldo)
18. @s Pantoxos (A Coruña)
19. Os Corenta e Chinco Boys (A Pobra do Brollón)

Animación de rúa: A tarde virá acompañada de colorido musical polas rúas de Melide. Os encargados da animación de rúa serán os grupos A Rexouba (A Coruña), Os Treboeiros da Muimenta e a Asoc. Cultural Faltriqueira de Muros, que farán unha representación do "Antroido de Torea"

Obradoiro de baile tradicional: "Entra no baile a bailar..." é o nome do obradoiro que Carme Campo e Chus Caramés se encargarán de impartir e que está dirixido a todo o público, enfocado a ser totalmente participativo coa intención de contar con nenos e maiores interesados en aprender recursos de baile tradicional.
O obradoiro levarase a cabo a partir das 18h na Praza do Convento

Marcha gaiteira: As sete da tarde. Un dos clásicos da Foliada. Un percorrido musical que enche as rúas de Melide de música. Participarán quince agrupacións musicais que se repartirán por diferentes rúas e prazas. Un pasarrúas multitudinario que anima á vila e nos encamiña ao centro mesmo da festa, a Praza das Coles, onde terá lugar o Serán.

Serán: O serán é o xermolo da Foliada. O nacemento desta aventura foi un serán, unha reunión de amigos para tocar e bailar que pronto se fixo grande e colleu vida propia. A partir do serán xurdiu todo o demáis. O serán é unha festa. Uns tocan para que outros poidan bailar. Hai quen se inicia no baile, outros máis avanzados… “e o que non canta nen baila, qué ven facer ao serán? Aprender catro mentiras para ir contar mañán”. Non, tamén se pode vir a disfrutar dunha noite de música e bon ambiente na que participarán quince agrupacións musicais:
1. Herba Grileira (Melide)
2. Pozo pequeno (Melide)
3. O Bingo Birón (Toques)
4. O ´Bringuelo (Arzúa)
5. Gaiteiros do Balado (Toques)
6. A Maristela (Sobrado dos Monxes)
7. Fiadeira (Antas de Ulla)
8. Fol da Chousa (Visantoña - Santiso)
9. Falcatrueiros (Monterroso)
10. A Rexouba (A Coruña)
11. Airiños Galegos Doce Albor (Santurtzi)
12. Froito Novo (Melide)
13. Castro Curbín (Arzúa)
14. Doces Lembranzas (Barakaldo)
15. Palacio do

Rei (Palas de Rei)

Concertos: Como remate do Serán, a partir das doce da noite actuarán Os D´abaixo e Falperrys
Os D´abaixo é un grupo folk de Santiago de Compostela formado por músicos que tocan por afección e que levan toda a vida vencellados ao folcore galego xunto con músicos profesionais de gran traxectoria. Ofrecerán un concerto cun repertorio variado cargado de enerxía que leva ao baile e á foliada ao xeito de antes
Falperrys é un grupo de Vigo cun estilo que se podería etiquetar dentro do do punk-folk ou folk-rock influenciado tanto polo folk galego coma irlandés, cancións para cantar na compaña dos amigos, nas tabernas... Pecharán a segunda xornada da Foliada con veloces e rabiosas melodías.

Domingo 24 de abril.

Nesta xornada as actividades da mañá desenvolveranse na súa maior parte na Praza do Convento onde a Mostra de artesanía e instrumentos será o principal atractivo.

Animación de rúa: Durante toda a fin de semana a animación polas rúas estará conducida por diferentes grupos musicais que acompañarán a xigantes e cabezudos.

Presentación O gaiteiro da Ulloa: Bruno Villamor presentará o seu libro "O gaiteiro de Santo Xusto. O son da Ulloa". Coa actuación do grupo Tango en Xaneiro e colaboradoras. Á s 12h na Capela de Santo Antón

Sesión Vermú: Ás 14h o grupo Leirabuxo será o encargado da Sesión Vermú na Praza das Ichoas

Programación infantil: Xa pola tarde os protagonistas serán os máis cativos. Poderán desfrutar do espectáculo "Zona de Obras" de Brais das Hortas ás 17h na Capela de Santo Antón.
Tamén se entregarán os premios do concurso "Xente Cativa", un concurso de debuxo dirixido aos nenos e nenas dos colexios da comarca da Terra de Melide.
A partir das 18h na Praza do Pozo Pequeno a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional realizará un obradoiro de Xogos Populares dirixido a todos os públicos.

Mostra de baile tradicional: A exhibición de bailes tradicionais sempre tivo unha presencia destacada dentro da programación do domingo da Foliada. Nesta edición actuará a Escola de música e baile tradicional O´Bringuelo de Arzúa.
Concerto: Actuación na Praza das Coles ás 20h de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre
Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego. Presentará na Foliada o seu traballo discográfico "Tambourine man" xunto coas Adufeiras de Salitre, un grupo de 11 percusionistas e cantoras de música tradicional. Neste disco realizaron un traballo de renovación da música popular galega engadíndolle un enfoque vangardista e diferenciado.
Estarán ademais acompañados por Gutier Álvarez na zanfoña e violino, e Javier Álvarez co acordeón diatónico.

Mais información: