Entrevista a Xabier Díaz
Venres, 12 Febreiro 2016 16:05
Músicos ao Vivo entrevistou ao músico Xabier Díaz, co gallo da publicación do seu novo disco "The Tambourine Man", no que contou ca colaboración das Adufeiras de Salitre.
Fálanos da relevancia da percusión neste novo traballo.
A percusión é o eixo sobre o que bascula todo o traballo: adufes, pandeiras e pandeiretas son o leito sobre o que construimos as melodías vocais e instrumentais xunto coas armonías. Sería dificilísimo entender o traballo sen a importancia da mesma, así foi concebido dende a preprodución do propio disco. É de destacar que desta volta foron gravadas con moita proximidade para que precisamente tiveran unha pegada que aportara a solidez necesaria para ese cometido.
(Para ler a nova completa clic no título)
Que significado ten para ti este disco na túa traxectoria?
E como unha especie de regreso ao punto de partida pero coa bagaxe de todos estes últimos anos. Diría que é un disco iniciático, un novo punto de partida. Despois de varios traballos colectivos nos últimos anos retomo o meu propio pulso, o meu propio paso… Este é o lugar dende o que quero continuar o meu camiño, e tamén representa a paisaxe ou concepto polo que dalgún xeito transitarei en vindeiros traballos, case que unha declaración de intencións...
A que se debe o título "The Tambourine Man"?
A canción de Dylan é do ano 65… eu do 69… Nela Dylan fai un chamado a un pandeireteiro para que toque unha canción para el, pareceume (metafóricamente) que ninguén mellor ca el para convocar a outras tribus a achegarse a estas músicas, procurar que novos públicos sintan curiosidade polo propio, que é visto alén das fronteiras como algo exótico e orixinal e ás veces descoñecido no seu habitat natural. Que o chamado o faga o avó máis "moderno" e transgresor da historia recente da música paréceme (dende a humildade) outra declaración de intencións...
Podemos dicir que se trata dun disco bailable para o público?
É un disco bailable na súa práctica totalidade. Historicamente a funcionalidade destas músicas era esa precisamente, vivimos nun tempo de rexurdimento dos seráns, das foliadas… dá xenio ver á xente moza disfrutar recuperando o noso xeito máis auténtico de bailar, polo que, se serve de axuda para botar uns bailes, a empresa que nos ocupou na súa construción terá o mellor premio posible.
Cal será o percorrido de presentación de ‘The Tambourine Man’?
21 de novembro Vigo, 4 de decembro Madrid e 5 de decembro Barcelona, o traballo ten vocación de universalidade, de sair, de viaxar e espallar a semente polo mundo.
Por que pensas que é necesaria unha asociación como Músicos ao Vivo?
É necesaria e vital polo que significa para calquera gremio, estarmos unidos na celebración e na reivindicación é absolutamente preciso. Celebramos o camiño feito nestes últimos anos e agardamos que a asociación medre, será unha boa nova para todo o sector.