Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Gala X aniversario Armadanzas de Laraño

Gala X aniversario Armadanzas de Laraño

Varios

armadanzas

Con motivo do seu décimo aniversario, o grupo de música e baile tradicional Os Armadanzas de Laraño celebra unha gala que recreará a historia dunha moza chegada a Compostela desde Zamora co gallo de cursar estudos universitarios. O evento, ambientado nos anos cincuenta, tenta amosar através da música e baile tradicionais os costumes da época, reproducindo as festas máis relevantes da comarca como o San Martiño de Laraño ou mesmo as urbanas do Apóstolo ou Ascensión, sen esquecer os feirados propios do ciclo anual, como o Nadal ou o Entroido. A historia de María tamén é a historia de Xan e a da veciñanza de Laraño, nunha época na que aínda existía un forte sentido de pertenza á comunidade.
Alén das case corenta persoas que sairán a escena, o espectáculo contará coa colaboración de músicos de sona no eido tradicional, como Emilio Lois ou Oli Xiráldez, que interpretarán pezas de recollida ou populares  vinculadas á bisbarra, así como a participación de senlleiras figuras do noso folclore que se unen ao evento para dalgún xeito lembrar a vida que nos foi arrebatada no decurso da modernidade.
A gala celebrarase o vindeiro domingo, día 31 de xaneiro, ás 19 h. no Auditorio Abanca. A entrada é de balde.

 

(Para ler a nova completa clic no título)

Os Armadanzas de Laraño

A asociación de música e baile tradicional galego Armadanzas de Laraño foi fundada por volta do ano 2005, por Edith Cotilla e Gutavo Couto, co obxectivo de valorizar a música e, especialmente, o baile tradicional galego. A finalidade dos Armadanzas é contribuir á difusión do baile tradicional alén de escenarios e demais tópicos folcloristas, inseríndoo no quefacer diario dos galegos e galegas. Hoxe, a devandita asociación está conformada por 70 persoas, repartidas en seis grupos de baile e un grupo de Cantos de Taberna.

Mais info: http://www.armadanzastradicional.com/