Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Concertos / Xabier Díaz leva o seu Tambourine Man até Vigo

Xabier Díaz leva o seu Tambourine Man até Vigo

Concertos

xabier vigoO vindeiro 21 de novembro Xabier Díaz presenta en Vigo o seu último disco, que saíu á venda a comezos de outubro. Trátase de ‘The Tambourine Man’, un dos traballos máis agardados da música galega, en colaboración coas Adufeiras de Salitre, que está a xirar por varias cidades da Península. As próximas citas son en decembro en Madrid (día 4, sala Galileo Galilei) e Barcelona (día 5, Tradicionàrius).

Voz fundamental do trad galego, Díaz aliouse neste caso coas Adufeiras de Salitre para reinterpretar a tradición galega e crear o seu disco máis ambicioso. Elas son un grupo de 11 percusionistas e cantoras de música tradicional que, canda Gutier Álvarez (zanfona e violino) e Javier Álvarez (acordeón diatónico), compoñen a nova aposta do músico coruñés.

(Prema no título para ler a nova completa)

Neste traballo, no que Xabier Díaz lle engade un enfoque vangardista e diferenciado a 11 temas tradicionais galegos e un castelán, tamén colaboran destacados músicos da música tradicional ibérica, como Kepa Junkera e Aleix Tobias (Coetus), ademais doutros músicos galegos como Xosé Manuel Budiño, Fernando Barroso ou Alfonso Merino.

“No principio de todo foi a percusión a que construíu a nosa música popular, e seguramente a que estableceu o vínculo entre esta e o baile. O máis singular deste proxecto é que regresamos outra vez ao principio de todo, dende o século XXI, claro”, explica o músico coruñés. “Por unha parte está a vella idea na miña cabeza de facer un traballo no que a voz e a percusión foran os elementos principais, e por outra parte estaba a enerxía que se ía xerando no local de ensaio cando me xuntaba coas Adufeiras”.

Díaz cóntanos ‘The Tambourine Man’ así: “O disco confórmano once cortes que levaban bastante tempo aniñando na miña cabeza, así que baixei ao meu estudo de gravación e empecei a fornealos con moita calma. Levar esas marabillas que eu escoitara ás mulleres das aldeas a outros universos, a outros países, parecíame un xeito marabilloso de espallar esas sementes polo mundo”. “Na miña carreira o disco supón un punto de inflexión, de renacemento, de regresar outra vez ao principio. Son un tipo tremendamente curioso e sedúceme moito a idea de transitar por camiños diferentes sen ter moi en conta cal vai ser o destino, simplemente deixándome desfrutar da viaxe”.

Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego. Froito deste traballo editou ‘Coplas para Icía’ (2007) coa participación de Pedro Lamas e Suso Iglesias. Neste ‘The Tambourine Man’ explica tema por tema onde foi colleitado e quen foron as súas informadoras (elas son maioría).

Videoclip de Cantiga da Montaña

http://www.gzmusica.com