Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Homenaxes, Premios, Recoñecementos, .... / Homenaxe ao último de Os Cinco de Galicia

Homenaxe ao último de Os Cinco de Galicia

Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

homenaxe cinco galiciaSe hai alguén que represente o espírito festeiro de Carral é o gaiteiro Edmundo Vilariño Mosquera (Muimenta-Lalín 1929), o último que queda vivo dunha formación, Os Cinco de Galicia, referente para centos de gaiteiros que viñeron despois e que herdaron un repertorio que eles espallaron durante anos por centos de alboradas e romarías. Por iso, porque foi fiel nas últimas cinco décadas ás festas do Socorro, as patronais carralesas, onde tocou ata as do ano pasado, compañeiros e amigos réndelle hoxe venres, unha sentida e folclórica homenaxe coma agradecemento ao seu legado.

Prema no título para ler a nova completa)

No centro social Toñito Espiñeira xuntaranse Millo Verde, Os Viqueiras de Ordes, Arnela de Carral, Cántigas da Terra e os gaiteiros que queiran participar nunha cita que impulsaron os gaiteiros Raúl Galego e Pepe Taboada, que o acompañaron os últimos anos para que Os Cinco de Galicia non se perdesen nunca as festas de Carral. Son eles tamén os que mellor coñecen a súa historia persoal, esa que fala de que Edmundo Vilariño comezou tocando o clarinete na banda popular do seu pobo, Muimenta, e sería no servizo militar onde se especializa no instrumento que lle deu a súa sona ao integrar a banda de gaitas de Infantería na Coruña.

No ano 1953 chega ao coro galego Cántigas da Terra, unha formación a que permanecerá ligado ata os oitenta, agás os seis anos que pasa emigrado en Alemaña. É a volta tamén cando monta un bar no barrio coruñés da Sagrada Familia, onde eran célebres as foliadas todos os sábados. A principios dos noventa foi contratado polo Igaem como gaiteiro do ballet Rey de Viana, onde se xubilaría. Ao redor dos sesenta é cando entrara a formar parte do grupo de gaitas Os Cinco de Galicia, liderado por Leonardo Corral Vázquez, que foi a ampliación dunha formación anterior, Os Catro de Galicia, que nacera coa idea de que os integrantes representasen as provincias galegas. Raúl Galego, O Gaiteiro Nubeiro, recorda que formaban parte dela os gaiteiros Leonardo Corral, que era de Portomarín; Xosé Cardelle, de Boimorto; Xan Macías de Viana, de Ourense, que tocaba o bombo; e que a Vilariño corresponderíalle Pontevedra, pero coma el tocaba a gaita e o que precisaban era un tamborileiro incorporaron a Celestino, tamén de Portomarín. Tamén tocaban con eles, ás veces, os fillos de dous dos seus integrantes, Luís Corral e Luís Cardelle, porén a formación máis estable de Os Cinco de Galicia estivo formada polos gaiteiros Leonardo Corral, Xesús Vázquez Pedrares, Edmundo Vilariño; X. Luís Corral ao tamboril e Arturo Mato O Garceiras ao bombo.

«Non había festa na contorna que non estiveran», comenta Pepe Taboada, que remarca que Vilariño «era moi habilidoso, moi bo gaiteiro, pero mellor persoa». Aínda que os compañeiros foron desapareceron, el continuou, con novas incorporacións, mantendo vivo o nome da formación ata hai pouco. Agora, vive retirado, en Abegondo, pero mañá volverá soar a súa música.

http://www.lavozdegalicia.es/