Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

AGG

O sábado, 21 de Abril, celebrouse na Fonsagrada (Lugo), o "I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA",organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

A trompa (arpa de boca, birimbao, guimbarda…) é un instrumento presente e espallado por moitísimas culturas e continentes (Alemaña, Noruega, Italia, Rusia, Vietnam, EEUU…). O instrumento tivo a facultade de adaptarse e asimilar a idiosincrasia das culturas musicais que o acolleron ao longo dos tempos.

Posiblemente o camiño de Santiago facilitou a chegada a Galiza e a súa divulgación entre as xentes. Actualmente só na comarca da Fonsagrada se mantén vivo o instrumento, grazas ás figuras de Emilio “O Pando” e César Fernández. Eles son os últimos tocadores de trompa. A longa cadea de transmisión oral que nos legou a singularidade a particularidade deste instrumento corre serio risco de esvaecer se non creamos lazos que permitan poñer a disposición dos novos instrumentistas todo o saber destes homes.

O obxectivo deste “I encontro de tocadores de trompa galega” é precisamente facer un diagnóstico da situación actual do instrumento no país e sentar as bases sobre as que nun futuro non moi lonxano nos permitan aumentar o número de tocadores de trompa, así como o de ensinantes e estudiosos do mesmo.

Se queredes máis información sobre o encontro, podedes poñervos en contacto coa Asociación no teléfono 986 847 074 ou ben mandando un correo electrónico a: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Programa do encontro PROGRAMA DO I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

•11:00-11:45.- “Historia da trompa e presencia do instrumento nas distintas culturas musicais. A trompa da Fonsagrada”. Relator: Pablo Carpintero (Investigador, asociado da AGG).

•12:00-12:45.- “Construción, características, sonoridade e morfoloxía do instrumento. Elección dunha trompa”. Relator: Xosé Vázquez Suárez (Constructor de trompas, asociado da AGG), Oliverio Álvarez (Constructor de trompas da Fonsagrada).

•13:00-13:45.- “Herminio Villaverde, tocador de trompa”. Relator: Juanjo Fernández (Investigador, asociado da AGG).

•14:00-15:45.- Xantar.

•16:00-16:45.- “César Fernández, tocador de trompa”. Relator: César Fernández (Tocador de trompa) e Cándido Meixide (Productor discográfico).

•17:00-17:45.- “Emilio ´O Pando´, tocador de trompa”. Relator: Emilio O Pando e Daniel O Pando (Tocadores de trompa).

•18:00-19:00- Concerto de Trompa. Participantes: Daniel O Pando, César Fernández, Emilio O Pando, Pablo Carpintero, Paulo Nogueira, Rodrigo Romaní e Xulio Varela.