Xironsa fai escola en Cambados
Luns, 31 Agosto 2015 13:37
En Xironsa levan loitando coa música tradicional moitos anos, tantos, que ninguén sabe poñerlle data exacta ao nacemento do primeiro grupo de baile galego da parroquia. Detrás da iniciativa andaba, como noutras tantas cousas, José Ramón Crespo, Don José o cura, e despois se sumou a hoxe deputada do BNG, Montse Prado, que ensinou a moitos nenos os compases da muñeira e a jota. Eran tempos nos que a falta de medios se suplía con ganas e entusiasmo, pero nos que a criatura crecía e pedía máis e fíxose necesario crear a asociación cultural. Corrían mediados os anos noventa. Primeiro con Liso González, despois con Alejandro Carro e agora outra vez con Liso na presidencia, Xironsa creou escola, non só nas aulas senón tamén na rúa cun festival de música tradicional que presume de captar a atención de grupos de renome no mundo do folk. Non hai máis que ver o cartel da décimo quinta edición celebrada esta fin de semana. Sobre o escenario que se instalou sobre o estanque da Seca tocaron Zurrumalla, Fiandola, Cuchufellos, Aires da Cotra, Peter punk paiaso, Lamas e Romero e Os Seitoxiños, entre outros. Ao mediodía, case 400 persoas daban boa conta da porción de churrasco, de empanada e da cunca de viño á sombra da praza e durante toda a tarde nenos e maiores gozaron cos xogos tradicionais e a música do serán.
(Prema no título para ler a nova completa)
O festival Xironsa viviu este ano un punto de inflexión. Dun día de actuacións pasouse a dous, aínda que a chuvia do venres aguó as expectativas e provocou que menos xente se atrevese coa acampada. Pero, malia o mal tempo, parece que o dobre xa non ten marcha atrás. O goberno de Cambados anunciou o seu total apoio para que o festival vaia a máis ata converterse nunha referencia, non só na bisbarra, senón en todas as Rías Baixas. E se hai apoio institucional, isto é diñeiro e loxística, en Corvillón están dispostos a recoller esta luva.
De casta lle ven ao galgo. En Xironsa levan dúas décadas loitando para que o son das gaitas e as pandeiretas chegue cada vez máis lonxe. Polos seus cursos de música e baile pasaron centos de nenos, pero tamén houbo e hai adultos. De feito, actualmente, nas súas clases hai alumnos de seis a 75 anos, e non só da parroquia. A fama de Xironsa traspasa as fronteiras de Corvillón e hoxe acoden ás súas actividades veciños de varios puntos da bisbarra. Este ano van dar outra volta de rosca. O 8 de setembro arranca un curso de música en movemento para nenos de dous a seis anos, de maneira que en Corvillón haberá cativos que aprenderán a cantar antes que a falar. Hoxe por hoxe, a asociación imparte clase a 120 persoas, e non exclusivamente de música tradicional. Tamén ensinan acordeón e hai un grupo de teatro que ata o ano pasado dirixía Don José. A testemuña colleuno o cambadés Manolo Pillado.