Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / Mañá abre as súas portas a 22 Mostra de instrumentos de música tradicional

Mañá abre as súas portas a 22 Mostra de instrumentos de música tradicional

AGG

cartel pardinhas webUn ano máis dende a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), achegámonos ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a "XXII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional".

Abrimos de novo a fiestra da máis antiga e importante mostra de instrumentos de música tradicional da Península Ibérica, para amosar durante a fin de semana o traballo e o bo facer dos 29 artesáns participantes, que nos agasallan en cada un dos seus instrumentos cun traballo meticuloso, preciso e necesario para que a nosa música goce da boa saúde que ten na actualidade.

Un traballo que por unha banda bebe da sabedoría e das inquedanzas dos nosos músicos e por outra, da experiencia, dos estudos e da esixencia dos mestres artesáns que traballan día a día para mellorar as súas técnicas. Unha relación que fai que a artesanía dos nosos instrumentos tradicionais sexa recoñecida e valorada no mundo enteiro.

(Prema no título para ler a nova completa)

Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos queremos seguir contando con todos vos para seguir facendo posible esta mostra, este espazo de encontro, convivencia e intercambio que segue medrando ano a ano, e que a pesares das circunstancias actuais non perde a forza e a ilusión dos seus inicios.

Como pregoeiro deste ano temos o pracer de contar con Clodio Fernández Pérez, nado en Cenlle (Ourense), mestre, historiador e experto na nosa etnografía. Destaca del a súa faceta de escritor, como o demostran os máis de 20 libros publicados, así como innumerables artigos e as súas colaboracións en obras colectivas como no propio libro cd-dvd “13 lúas” editado pola AGG.

Como nas pasadas edicións, na mostra non pode faltar a música e o baile tradicional, que estarán presentes durante a fin de semana a través de actuacións en directo que este ano correrán a cargo de “Pelepau” e “Lagharteiras” e do obradoiro de Baile Tradicional que impartirá Javier Sanmartín.

Pelepau nace en Vigo no 2010, como froito da xuntanza de 12 percusionistas, e se caracteriza por trasladar ó ointe as festas populares de Galicia (romerías, seráns, foliadas, etc.).

Lagharteiras nace tamén en Vigo, no ano 2007, pero é no 2010 cando se constitúen como Asociación Cultural Folclórica “As Lagharteiras” e se establecen en Mos. Trátase dun grupo de pandereteiras que teñen como obxectivo compilar, conservar e divulgar as músicas, cantos, instrumentos e vestiario tradicional galego.

Pola súa banda, Javier Sanmartín, dirixiu numerosos grupos de baile e música tradicional en toda Galicia, e conta cun prolífico estudo de investigación e recompilación sobre o baile e a música tradicional galega por diferentes vilas e aldeas galegas.

Programa da Mostra

Sabado día 1
17.00 horas - Apertura da mostra.
17.00 horas - Pregón: Clodio González.
17.30 horas -  Presentación do libro-disco: Desiderio Sampayo Rico "Siderio de Vilarmide".
18.00 horas - Concerto Pelepau.
19.30 horas - Sorteo.
20.30 horas - Obradoiro de Treboada - Oli Xiraldez.

Domingo día 2
11.30 horas - Apertura da mostra.
17.30 horas - Obradoiro de baile tradicional: Javier Sanmartín.
18.30 horas - Concerto das Lagharteiras.
19.30 horas – Sorteo

Artesáns

- Afonso Castro (O Rosal)
- Alberto Pires (Pontesampaio)
- Antón Varela (Ferrol)
- Bieito Quirós - Apedradeaugas (A Guia, Vigo)
- Cristobal Prieto - (O Hío - Cangas do Morrazo)
- Diego Langarika (Mondariz)
- Foliqueiras (Vigo)
- Iago Salgado (Teo)
- Laureano - Os Alegres (Pontevedra)
- Luis Martínez (Soutomaior)
- Master Gaita (Sada)
- Nebra (Porto do Son)
- O Chilro (Cambados)
- O Reberete (Amoeiro)
- Obradoiro Balea (Cangas)
- Obradoiro de gaitas Carlos Fandiño (Teixeiro)
- Obradoiro de gaitas Seivane (Cambre)
- Ocarinas Paparolo (Santiago de Compostela)
- Oli Xiráldez (Calo-Teo)
- Pablo Carpintero (Santiago de Compostela)
- Pablo Martínez (Bentraces - Ourense)
- Queima (Redondela)
- Quique instrumentos musicais (Melide)
- Rebollo instruments (Beluso)
- Tunhas (Ames)
- Víctor Barral (Madrid)
- Xaime Rivas (Vigo)
- Xaneco (Outeiro de Rei)
- Xermán Arias (Sarria)