Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / Dezaseis anos de mostra da artesanía e a música tradicional de Galicia

Dezaseis anos de mostra da artesanía e a música tradicional de Galicia

AGG

rolda prensa 16memorialrpA Ferrería acollerá os próximos 10 e 11 de xullo o XVI Memorial Ricardo Portela

O pasado venres, foi presentado en rolda de prensa a 16 edición do Memorial Ricardo Portela, que se celebrará como é costume na praza da Ferrería de Pontevedra. Como acompañamento á presentación do Memorial por parte do Concello e da Asociación de Gaiteiros Galegos, Alberto Pires e Álvaro Novegil interpretaron a Foliada de Paderne do repertorio de Ricardo Portela.

O Memorial Ricardo Portela chega ao súa 16 edición consolidado como unha cita de referencia da nosa cultura, como recordaban a concelleira de Festas, Carme da Silva, e o artesán Alberto Pires, membro da xunta directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos.

(Prema no título para ler a nova completa)

Nesta décimo sexta edición contaremos novamente coa mostra de instrumentos tradicionais, na que participarán 12 prestixiosos artesáns, e na que poderemos ver un amplo abano dos nosos instrumentos máis representativos, dende gaitas, percusión, zanfonas e outros moitos. Estará aberta na Praza da Ferrería o venres 10 das 17:00 ás 21:30 da tarde e o sábado 11, de 11:30 a 14:00 en horario de mañá, e de 17:00 a 21:30 en horario de tarde.

Ademais o venres ás 20h da tarde poderemos disfrutar do pasarrúas de “Picuiña”, cuarteto de música tradicional que conta cun amplo repertorio tradicional de toda Galicia, tanto en toque aberto como pechado e que foron gañadores en múltiples ocasións do Premio Especial Ricardo Portela.

O mesmo venres ás 21:00h da noite poderemos escoitar, tamén na Praza da Ferrería, ao grupo “Xistra de Coruxo”, que está catalogado como o grupo que mellor trata a evolución musical dentro dos parámetros marcados no eido da tradición galega e o que aporta máis novidades de repertorio, debido fundamentalmente ao seu abondoso arquivo de gravacións de campo realizadas nos derradeiros trinta anos por Xerardo F. Santomé. De marcado matiz bailable e participativo, o que fai dos seus directos unha verdadeira incitación á troula e ao disfrute.

O sábado ás 12 da mañá serán os vigueses “Contracocheno” os encargados de poñer a nota musical polas rúas da cidade. Trátase dun cuarteto tradicional que se formou a partires do ano 2000 coa finalidade de tocar en concursos, gañando entre outros, un terceiro premio no Memorial Ricardo Portela e que co paso dos anos empezaron a facer tamén diferentes concertos pola zona sur de Galicia e norte de Portugal.  Xa pola tarde, haberá dous pasarrúas, que comezarán ás 19:30, sendo un dos grupos “Gomes Mouro”, que naceu no ano 2003 coa finalidade de recuperar, investigar e dar difusión ao patrimonio musical galego, e especialmente a tradición da provincia de Ourense. E o outro pasarrúas correrá a cargo de “Berros do Castro”,  que iniciou a súa andaina a mediados dos anos noventa como cuarteto de gaitas e cos anos foi mudando a súa formación e incorporando novos instrumentos, ata chegar á formación dun sexteto. O seu repertorio confórmano principalmente melodías sacadas dos seus propios traballos de campo sobre músicos e formacións das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Previo ao concerto, en torno ás 9 da noite, ademais de homenaxear ao noso querido Ricardo Portela, faremos unha mención especial a Manuel Viqueira, o gaiteiro de Vilaverde, un dos pouquísimos gaiteiros galegos que conservou o tocar pechado da súa zona, Ordes, inmaculado, foi por tanto transmisor dun xeito moi antigo e representativo de tocar. A súa ornamentación e xeito de falar coa gaita eran á vez moi persoais e propios da zona. Manuel era un gaiteiro de torreiro, acostumado a tocar para que a xente bailase. Formou parte de diversos grupos ao longo da súa dilatada vida, a maior parte deles cuartetos de clarinete, moi propios da zona de Ordes. Manuel foi, en fin, o paradigma do mestre gaiteiro feito a si mesmo con entusiasmo, amor pola nosa música e moitas horas de gaita en festas e foliadas. Foi un home duro, serio no seu traballo, mais tamén amable, agradable e bo amigo. Un exemplo de galego bo e xeneroso.

O broche final será a actuación do coro Novo Aires da Terra, na praza da Ferrería. O coro nace cando se cumplen 100 anos da disolución do mítico coro "Aires da Terra" fundado por Perfecto Feijoo na Pontevedra de finais do século XIX. O obxectivo deste novo coro é o de recuperar a música do que foi o primeiro coro galego, para o que empregan unha réplica exacta da gaita de Perfecto Feijóo conservada no Museo de Pontevedra, acompañada cun bombo e un tambor tamén reproducións exactas dos do coro, cantando as mesmas pezas e outras do arquivo Feijoo, e sendo sempre fieis ao estilo orixinal de Aires da Terra.