Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / AGG / Punteiros de encontro. Reportaxe sobre a AGG dende culturagalega.org

Punteiros de encontro. Reportaxe sobre a AGG dende culturagalega.org

AGG

logo 25 aniversario-1

Xa desde o comezo trascenderon as fronteiras dos instrumentos e se constituíron como un referente en todo o relativo á nosa música tradicional.

A Asociación de Gaiteiros Galegos acaba de celebrar os seus primeiros 25 anos. Xaneco Tubío, secretario da entidade, explícanos a evolución e a situación actual dun colectivo fundamental para a nosa cultura.
Malia a que o nome poida facer pensar o contrario, hai xa anos que a Asociación de Gaiteiros atende a músicas e formas da tradicións alleos ao ámbito estrito do fol. “Os obxectivos da organización son promover e divulgar non só a música de gaita, senón todo o abano da música tradicional, incluíndo tanto bailadores como tocadores de tambor, bombo, pandeireta ou calquera outro instrumento”, explica Xaneco Tubío.

As orixes
Na realidade, os 25 anos que celebrou a asociación a pasada semana poderían ser moitos máis, xa que a base que lle deu pé remóntase ata os anos 70. Segundo nos lembra Tubío, naqueles anos “comezaron a se reunir en Ortigueira vellos gaiteiros con xente máis nova que estaba comezando a tocar nas cidades”. Nomes de peso como Ricardo Portela ou Os Faíscas do Xiabre atopábanse, entre outros, con artesáns como Seivane ou Corral. Na axenda de temas, estaban “desde os prezos a cobrarlles á comisións de festas ata reclamarlles que aparecese o nome dos gaiteiros no mesmo tamaño que o das orquestras”. Canda a isto, como non, estas citas foron o escenario de intercambios de coñecementos, de pezas e mesmo de acordos que marcaron a situación actual do instrumento. “Alí decidiuse unificar as medidas das buxas das gaitas entre todos os artesáns, para permitir que se puidesen intercambiar os punteiros”. Malia a estes encontros temperáns, o mundo da gaita tardou tempo en se dotar dunha estrutura legal para o seu funcionamento. “Logo de Ortigueira comezaron a se facer xuntanzas no Museo Terra de Melide, e aí xa saíu a primeira xunta xestora”. Con Ricardo Portela como presidente, elaboráronse uns estatutos que deron pé en 1989 ao nacemento da Asociación de Gaiteiros Galegos como tal.

Propostas
Dentro das actividades históricas deste colectivo desde entón destacan algunhas como a mostra de instrumentos tradicionais e o encontro de artesáns que se desenvolve anualmente no Festival de Pardiñas, e que se constituíu xa como unha cita fundamental para quen teña interese nestas pezas de artesanía. O mantemento do museo Casa da Gaita de Viascón (Cotobade), as Xornadas Arredor da Música Tradicional ou diferentes encontros especializados son outras das propostas que veu realizando o colectivo ao longo da súa existencia. Unha iniciativa de importancia foron tamén os cinco Congresos de Ensinantes de Música tradicional, nos que, segundo sinala o secretario desta asociación, “traballabamos con mestres de ensino regrado para tentar que se integrase a tradición nas clases e que a nosa fose o primeiro contacto dos alumnos coa música na escola”. Para alén de actividades saíron do seo desta iniciativa produtos como libros sobre instrumentos tradicionais ou mesmo os discos Trece Lúas, Pelo Gato 24, O Quiquiriquí ou Son do Fol.

A guerra
A evolución do colectivo nos primeiros foi en xeral positiva, e axiña se pasaron dos 75 socios que participaron na asemblea fundacional a preto de 200. No entanto, a asociación sufriu en boa medida os conflitos no seo do folclore. Segundo explica Tubío “Nos anos 90 xurdiu o que a prensa deu en chamar Guerra das Gaitas. O mundo da gaita fixo un chamamento á sociedade porque estaba a se patrocinar millonariamente unha formación que non tiña nada que ver co folclore”. A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, cos seus uniformes, desfiles marciais e gaitas con roncóns ao estilo escocés aparecía como un xeito de abordar a tradición que levou a agros debates e enfrontamentos, o que se deixou sentir na mobilización arredor da música tradicional. “Isto provocou unha época de moita atomización. Moita xente quedou queimada e deixou de traballar ou centrouse no seu grupo local”. Canda a isto, como resultado desta loita, Tubío destaca que “cando menos a sociedade soubo que o que se estaba a facer alí era un invento. Ademais, o debate clarificou moitas cousas e tamén fixo ver que era necesario mobilizarse”.

Nova fase
A responder a esa necesidade, xa a comezos da década seguinte, a Asociación comezou unha nova etapa, na que procurou integrar sensibilidades e recuperar aquelas persoas menos mobilizadas arredor da música tradicional. “A partir de 2000 a comezou a contactarse coa propia base social, toda a xente que traballaba no ámbito da música, e abríuselles a porta. Tratábase de facer ver que existía unha ferramenta xa creada que se podía empregar. Naquel momento a gaita estaba moi desprestixiada, e ao entrar xente das catro provincias con gana de traballar déuselle un pulo moi importante ao colectivo”, sinala Tubío. Así, en 2003 ampliouse a directiva ata 17 persoas, e comezou unha fase de crecemento que levou a preto dos 1.000 socios nun colectivo definitivamente asentado como principal interlocutor nas cuestións de música de raíz no país. “Somos a única entidade dedicada a isto de alcance galego. Nese sentido os fundadores foron un visionario ao apostar por este ámbito, xa que permite desenvolver proxectos e temas moito máis difíciles de abordar desde perspectivas locais”, explica o secretario.

Tradescola
Unha das iniciativas que marcou en boa medida o desenvolvemento actual da asociación foi a creación en 2008 da Tradescola, un centro dedicado á ensinanza da música tradicional situado en Lugo. De xeito curioso, na orixe desta iniciativa estivo tamén o debate sobre o modelo de gaita. “En 2003 a Deputación de Pontevedra quixo crear unha escola de música tradicional a seguir o modelo ourensán, con gaitas marciais. Entón entramos nesa discusión e propuxemos un proxecto do que entendiamos debía ser unha escola respectuosa coa nosa tradición. Eles non o aceptaron, pero seguimos adiante, adaptamos o proxecto e collérono en Lugo. E aí estamos a traballar”. Materias como gaita, requinta, percusión, zanfona ou baile complétanse con clases dedicadas á linguaxe musical ou mesmo á etnografía aplicada a este ámbito. En total, máis de 250 persoas están a se formar na actualidade neste centro.

Crise
“Neste momento as administracións teñen menos cartos e por desgraza recortan brutalmente na cuestión cultural”, advirte Tubío, a recoñecer que non son os mellores momentos para moitos dos proxectos que viña desenvolvendo o colectivo. Así, os congresos dedicados a ensinantes foron substituídos por “obradoiros de baile, percusión e canto, actividades prácticas orientadas a que se poidan introducir estas materias no ensino”. Canda a isto, apunta que “antes todos os anos actuabamos como mediadores coa Xunta para un programa anual de contratación de grupos de gaitas. Agora iso xa non existe”.

Mellorías
Malia a esta situación de crise, o secretario dos gaiteiros apunta que o estado da nosa música tradicional é, en moitos ámbitos, mellor do que era cando a Asociación se puxo en marcha. “Sobre todo en número de escolas e de xente con dedicación profesional, tanto a tocar como a facer instrumentos, a música tradicional mellorou moitísimo”. Canda a isto apunta que “hai 25 anos era impensable que a xente se xuntase en foliadas ou seráns a tocar ou a bailar ao solto. Ou que houbese tantos zanfonistas como hai, daquela era un instrumento de museo. Nese sentido ten moito mais vigor e saúde que antes”.

Problemas
Como contrapunto, destaca que esa popularización está acompañada tamén dunha certa “desgaleguización. Antes era impensable que unha persoas se dedicase a isto e falase castelán, e hoxe é algo que si acontece”. Como problemas destacados nos nosos días sinala “a falta de visibilización. Todo o mundo ten contacto cun gaiteiro nunha celebración ou noutra, sexa en romarías, vodas ou en calquera festa. Pero iso non se reflicte nos medios, só hai un programa de televisión no que teña presenza habitual a nosa música”. Canda a isto, apunta a perda de protagonismo que os sons tradicionais sofres nas celebracións populares. “Antes os músicos facían por si mesmo unha festa. Hoxe fan unha procesión ou unha alborada e nada máis”. Canda a isto, apunta a “falta dun circuíto para tocar durante os meses de inverno”.

Celebración
A conmemorar os 25 anos da súa creación, a Asociación de Gaiteiros celebrou o pasado 7 de decembro no Auditorio de Galicia un acto de celebración. Un percorrido pola historia do colectivo, actuacións de grupos como Leilía, Treixadura, Os Carunchos, a Agrupación Abertal e gaiteiros como Raúl Galego, Nela de Bres, Antón de Lourenzá, Modesto e Otilio da Fonsagrada fixeron parte dun acto que tivo un cheo absoluto. “Non cabiamos, eramos máis de 350 persoas”, apunta o secretario. “Vímonos alí xente que leva moitos anos a traballar e tamén xente que acaba de chega a este mundo”. O evento serviu tamén para homenaxear a Santiago Caneiro, presidente da Asociación ao longo dos últimos 21 anos e un nome xa fundamental para entender a historia da gaita no país.

 

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=24918